A Consellería de Cultura e Educación pon en marcha o primeiro proxecto de formación dual na FP Básica en colaboración co IES de Sabón e outra decena de entidades

Un total de 21 estudantes acolléronse a este proxecto experimental, que se desenvolve nos currículos formativos de Servizos Administrativos e de Electricidade e Electrónica

Sáb, 03/01/2015 - 11:00
 A Consellería de Cultura e Educación pon en marcha o primeiro proxecto de forma
A Consellería de Cultura e Educación pon en marcha o primeiro proxecto de formación dual na FP Básica en colaboración co IES de Sabón e outra decena de entidades

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acaba de poñer en marcha o que é o primeiro proxecto de formación dual para alumnado de FP Básica, a nova modalidade implantada este curso ao abeiro da Lei para a Mellora da Calidade Educativa (LOMCE). En total 21 estudantes acolléronse a este proxecto experimental, 12 deles cursando o currículo de Electricidade e Electrónica e outros 9 o de Servizos Administrativos, todos eles no IES de Sabón (Arteixo).

A iniciativa desenvólvese, ademais, en colaboración cunha decena de entidades, nomeadamente o Concello de Arteixo, Ferroatlántica, S.A.U.; Técnica 4 Ingeniería y Montajes, S. L.; Acersa Hierros, S. L.; Casas Cube, S.L.U.; Talleres Termi, S.A.; Alcoa Inespal Coruña, S. L.U; Mobal Atlantic, S.L.U.; Prosegur Compañía de seguridad, S.A.; e Elinteluz.

A finalidade deste proxecto, que se desenvolverá ao longo dos cursos 2014/2015 e 2015/2016, é proporcionar aos estudantes da FP Básica a oportunidade de combinar a formación no centro educativo con períodos de actividade profesionalizadora en situacións reais de traballo en empresas. Así, a titoría e docencia de 2 módulos de cada un dos currículos implicados na iniciativa realizarase no IES de Sabón, mentres que o resto dos módulos profesionais se impartirán de xeito compartido entre o centro educativo e as empresas e institucións participantes. Ademais, cada compañía poderá incorporar formación complementaria á establecida nos devanditos currículos para reforzar a formación do alumnado.

Ao igual ca no resto dos proxectos de FP Dual impulsados polo departamento educativo da Xunta de Galicia, cada empresa nomeará a unha persoa como titora do estudantes, que será responsable do seguimento das actividades que este realice; e o IES de Sabón designará tamén a un profesor para que revise o seguimento da programación de cada un dos currículos.

O obxectivo final deste tipo de iniciativas de FP Dual é favorecer a empregabilidade do alumnado que cursa estas ensinanzas, sen esquecer que a FP Básica ten diversas vantaxes para o alumnado, entre outras a obtención dun título oficial que ten xa os mesmos efectos que o de graduado en ESO á hora de obter un emprego público ou privado, algo que non outorgaban os Programas de Cualificación Profesional Inicial (PCPI).