A Consellería de Cultura e Educación promove o emprendemento entre preto de 5.500 alumnas e alumnos de toda Galicia a través dos programas ‘Actúa’ e ‘Atrévete’

Ambas as accións enmárcanse no Plan de Emprendemento no Sistema Educativo de Galicia, desenvolvido en colaboración coa Consellería de Economía e Industria

Ven, 02/01/2015 - 12:30
A Consellería de Cultura e Educación promove o emprendemento entre preto de 5.50
A Consellería de Cultura e Educación promove o emprendemento entre preto de 5.500 alumnas e alumnos de toda Galicia a través de dos programas ‘Actúa’ e ‘Atrévete’

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria promove, un curso máis, o emprendemento entre as alumnas e alumnos galegos a través do Plan de emprendemento no sistema educativo de Galicia. Para cumprir con esta iniciativa, os programas ‘Atrévete’ e ‘Actúa’ chegarán no 2014/2015 a preto de 5.500 estudantes de centros educativos das catro provincias galegas.

O Plan de Emprendemento no Sistema Educativo de Galicia, Eduemprende, constitúese como o marco de fomento do espírito emprendedor no sistema educativo de Galicia, e establece a estratexia de fomento da cultura emprendedora que a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria lle transmitirá á comunidade educativa, en colaboración coa Consellería de Economía e Industria.

Eduemprendende Actúa

Preto de 3.500 alumnas e alumnos participarán en ‘Actúa’, desenvolvido en colaboración coa Consellería de Economía e Industria, que chegará este curso a 50 centros de ensino co obxectivo de achegar aos estudantes experiencias de persoas emprendedoras. O programa vai dirixido ao alumnado que estea a cursar segundo curso dos ciclos formativos e “Economía”e “Economía da empresa” en 2º de bacharelato, co fin de que poñan en valor o seu talento emprendedor como ferramenta para o seu desenvolvemento profesional.

Para iso desenvólvense sesións que contan coa participación de persoal técnico do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), ademais de coa presentación diante do alumnado dunha persoa emprendedora que comparta con eles a súa experiencia persoal, de tal forma que os estudantes vexan a actividade emprendedora como unha alternativa laboral.

Eduemprende Atrévete

No caso do programa ‘Atrévete’, este curso esténdese por primeira vez ás catro provincias galegas, tras as exitosas experiencias desenvolvidas en Santiago e Ourense en colaboración coas asociacións de empresarios. Deste xeito, preto de 2.000 alumnas e alumnos de 6º de Primaria e 2º de ESO participarán nesta iniciativa, que ten como obxectivo fomentar, motivar e sensibilizar ao alumnado no espírito emprendedor.

Para iso, facilítase que o alumnado participante coñeza o tecido industrial da súa contorna a través de visitas dos grupos de 2º da ESO ás empresas das diferentes asociacións empresariais colaboradoras no programa, en concreto a do Polígono de Sabón-Arteixo (A Coruña), a de Ferrolterra (Ferrol), a do Tambre (Santiago de Compostela), a do Ceao (Lugo), a de San Cibrao (Ourense), e a do Polígono das Gándaras (O Porriño). Os percorridos polas compañías ocmpletaranse cunha reunión cunha persoa emprendedora na sede de cada unha das devanditas asociacións.

No caso dos estudantes de 6º de Primaria o programa contempla o desenvolvemento de actividades nos Centros Integrados de Formación Profesional nas que terán a oportunidades de achegarse ás experiencias emprendedoras das súas respectivas comarcas da man de empresarios da zona, así como de percorrer os propios CIFP e coñecer as ensinanzas que neles se imparten e as iniciativas de emprendemento que nacen nos seus viveiros de empresa. Implicaranse neste calendario de actividades os CIFP Someso (A coruña), Ferrolterra (Ferrol), Politécnico de Santiago, Politécnico de Lugo, A Farixa (Ourense) e Manuel Antonio (Vigo).

O programa complétase, un ano máis, con concurso ‘Atrévete a ter unha idea’, no que as alumnas e alumnos participantes deberán propoñer unha idea de negocio e redactala en, como máximo dous folios. Haberá un premio para 6º de Primaria e outro para 2º de ESO, que consistirá nun ebook.