O Museo Arqueolóxico do Castro de Viladonga, dependente da Consellería de Cultura e Educación, acolle un espectáculo de teatro para os más pequenos con motivo das festas do Nadal

O departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad organiza nestas datas máis 70 actividades nos museos e bibliotecas que del dependen en toda a xeografía galega

Mar, 16/12/2014 - 11:05
Vista da croa do castro de Viladonga
Vista da croa do castro de Viladonga

O Museo Arqueolóxico do Castro de Viladonga (na localidade luguesa de Castro de Rei), dependente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, ten previsto unha sesión de teatro infantil dirixido aos máis pequenos con motivo das festas de nadal.

A representación, que terá lugar mañá mércores día 17 e o xoves 18, correrá a cargo de Teatro do Miolo, cuxo elenco de actores e actrices protagonizarán un poético e divertido viaxe escénico a través das distintas estacións do ano. Trátase dun espectáculo pensado para os máis pequenos da casa, que poderán participar na representación a través de elementos moi sinxelos. Deste xeito poderán facer un percorrido polos grandes cambios e transformacións que se producen no inverno, no outono, na primavera e no verán.

Esta actuación forma parte da ampla programación que organiza o departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad nestas datas, con máis 70 actividades nos museos e bibliotecas que del dependen en toda a xeografía galega.

Así mesmo, a representación teatral é un reclamo máis para visitar o Castro de Viladonga, un xacemento arqueolóxico de grande importancia situado na Terra Chá. Nel poden atoparse murallas, foxos e unha ampla acrópole ou croa central. Neste recinto principal é onde se atopan a maioría das construcións descubertas ata o de agora como son vivendas, currais, almacéns e algún edificio de uso social ou comunal, entre outros; agrupadas todas elas formando conxuntos ou "barrios" que se articulan en torno a dúas rúas principais e un camiño ou rolda paralela á muralla principal.

Menús News node R

Tema