O curso escolar en Infantil e Primaria arrinca con normalidade nas catro provincias galegas

Máis de 195.000 escolares de Educación Infantil e Primaria asistiron hoxe ao primeiro día de clase

Ven, 10/09/2010 - 14:36

O curso escolar comezou con total normalidade nas catro provincias galegas, nas que máis de 195.000 escolares volveron ás aulas de Educación Infantil e Primaria.

Só unha ducia de centros en toda Galicia tiveron que retrasar ata o vindeiro luns o inicio das clases, a maior parte deles por obras que os Concellos están a realizar nos colexios. Neste caso están a Escola de Educación Infantil Nosa Señora de Comians (Laracha), a CRA Nosa Señora de Ponteceso, o CEIP Brea Segade de Taragoña (Rianxo), o CEIP José María Lage (Ortigueira), CEIP O Coto (Negreira), e a Escola Infantil de Carnoedo (Sada). Todos estes centros empezarán a actividade lectiva nos vindeiros días.

Respecto das obras que está a realizar a Consellería en centros educativos da provincia da Coruña, as alumnas e alumnos do CEIP Pino do Val (Mazaricos) comezarán as clases o día 14, debido a unhas obras que se están a  realizar na cociña. No CEIP de Mesón do Vento comezaron hoxe as clases, pero o servizo de comedor prestarase a partires do luns. Ademais, os escolares do CEIP Sada e os seus Contornos serán desprazados ata o Albergue da Mariña Española, onde recibirán clase a partires do día 17.

En Pontevedra, o CEIP A Pedra (Bueu), o CEIP A Rúa (Cangas), e o CPI Mondariz empezarán a funcionar con normalidade a vindeira semana, cando así o permitan os traballos que a Consellería está a realizar nestes centros.

Respecto das provincias de Lugo e Ourense, non se rexistraron incidencias no inicio deste curso escolar en Educación Primaria e Infantil.