A Consellería de Cultura e Educación incrementou nun 30% o número de coidadores que atenden as necesidades educativas do alumnado respecto dos que había no curso 2008/2009

Vázquez Abad explicou hoxe no Parlamento que o sistema educativo conta con 609 destes profesionais no actual ano académico

Mér, 03/12/2014 - 19:25
A Consellería de Cultura e Educación incrementou nun 30% o número de coidadores
A Consellería de Cultura e Educación incrementou nun 30% o número de coidadores que atenden as necesidades educativas do alumnado respecto dos que había no curso 2008/2009

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, reiterou hoxe no Parlamento de Galicia o seu compromiso coa escola inclusiva e coa atención á diversidade do alumnado galego, o que queda de manifesto co feito de que o ensino galego conta hoxe cun 30% máis de coidadores ca no curso 2008/2009, un total de 609, “142 máis que co Bipartito”. “E só no 2014-2015 actual incorporamos 21 coidadores máis que no curso pasado”, engadiu o conselleiro.

Durante a súa intervención no pleno da Cámara galega o titular do departamento educativo da Xunta recordou, referíndose ao caso concreto do CEIP Quiroga Palacios (Santiago de Compostela) que o alumnado está a recibir a atención que necesita a través da figura dun coidador, tal e como viña ocorrendo nos últimos cursos, persoa que ademais “considerou na entrevista mantida coa Inspección que podería atender as necesidades do alumnado matriculado neste centro”.

O conselleiro chamou a “non alarmar sobre as necesidades que xa están cubertas” e considerou que “sería positivo para o conxunto do ensino galego que non se politizasen as decisións sustentadas en criterios de índole técnico”. Neste sentido Vázquez Abad lembrou que a Inspección decidira incrementar o número de coidadores deste centro a 2 tendo en conta a solicitude inicial do Equipo de Orientación Específico, na que se indicaba que habería 4 alumnos con grao de dependencia III. “No inicio do curso comprobouse que só eran dous os alumnos, polo que se decidiu trasladar ao segundo coidador para atender outras necesidades noutro centro de Santiago de Compostela”, en concreto no centro de Educación Especial de A Barcía de Santiago de Compostela.

Persoal por riba de catálogo

Segundo explicou o conselleiro, a propia Dirección do CEIP Quiroga Palacios puxo de manifesto que as necesidades de persoal auxiliar dos 2 alumnos matriculados con necesidades especiais poderían estar cubertas co único coidador do que dispón o centro, “precisamente grazas a dotación de docentes por riba de catálogo xa que, durante as actividades lectivas, nas dúas unidades de 4º de Educación Infantil sempre hai dous profesionais na aula”, ben sexa profesorado de apoio, especialista, coidador, etc.

De feito, a Consellería aumentou este ano o cadro de docentes deste centro, pasando de 27 docentes que atendían a 372 alumnos/as no curso 13/14 a 28 docentes para os actuais 413 alumnos e alumnas no curso 14/15.