O conselleiro de Cultura e Educación salienta no Día Internacional das Persoas con Discapacidade o labor dos centros de educación especial en prol dunha sociedade inclusiva

Vázquez Abad visitou esta mañá o CEE Manuel López Navalón, en Santiago de Compostela
Mér, 03/12/2014 - 11:58
Vázquez Abad visitou esta mañá o CEE Manuel López Navalón, en Santiago de Compos
Vázquez Abad visitou esta mañá o CEE Manuel López Navalón, en Santiago de Compostela

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, visitou esta mañá o CEE Manuel López Navalón (Santiago de Compostela), coincidindo coa celebración do Día Internacional das Persoas con Discapacidade. Deste xeito o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia quere agradecer a salientar o labor que os centros de educación especial coma este realizan en prol dunha sociedade inclusiva, favorecendo a integración do seu alumnado e facilitando que estas persoas desenvolvan ao máximo as súas capacidades.

Na súa visita ao colexio o conselleiro estivo acompañado pola directora, Carmen María Otero Parga; polo secretario, Manuel Torrado; e polo director xeral de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal.

No CEE impártese docencia a preto de 30 alumnas e alumnos nos niveis de educación infantil, primaria e secundaria obrigatoria. O centro presta tamén atención ambulatoria polas tardes a arredor de 20 persoas. Ademais, imparte por primeira vez este curso programas formativos de FP básica, unha nova modalidade cunha duración de 1 ano, tras o que o alumnado recibirá un certificado de realización de estudos. En concreto neste centro ofertáronse os programas de Producións agrícolas, Servizos de restauración, Carpintaría, Costura e Cerámica.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria leva investidos preto de 210.000 euros en diversas actuacións neste Centro de Educación Especial desde o ano 2009. A meirande parte dos investimentos destináronse a obras de reforma, acondicionamento e mellora das súas instalacións e que incluíron actuacións en fachada, portais de acceso, instalacións eléctricas e rede de acometida, entre outros. Ademais, este mesmo ano realizáronse melloras na cuberta do ximnasio do centro. Así mesmo, o departamento educativo da Xunta destinou 4.300 euros á dotación da biblioteca do centro.

Centro de recurso e actividades innovadoras

Cómpre lembrar, así mesmo, que o CEE Manuel López Navalón vén desenvolvendo un intenso traballo no seo do Centro de Recursos Educativos que puxo en marcha na especialidade de Audición e Linguaxe, que colabora con outros centros que llo solicitan, con recursos materiais e persoais, identificando e avaliando as necesidades do alumnado, e proporcionando orientacións e pautas individualizadas de actuación para os centros ordinarios e as familias.

Ao longo da súa traxectoria o centro ten despuntado tamén polas súas actividades e proxectos no eido da investigación, desenvolvemento e innovación en materia de recursos de apoio e accesibilidade, tales como a elaboración de varias aplicacións de accesibilidade a dispositivos móbiles para persoas con discapacidade, en colaboración coa Universidade de Vigo.

Vázquez Abad reiterou o compromiso do seu departamento coa atención á diversidade do alumnado galego, algo que quedou de manifesto tanto na elaboración do decreto 229/2011 polo que se regula a atención á diversidade do alumnado galego, unha aposta da Consellería pola participación do conxunto da comunidade educativa e pola colaboración entre as distintas administracións para promover o desenvolvemento das potencialidades de cada estudante.