Educación destinará 80.000 euros a incentivar a presentación de proxectos competitivos do European Research Council (ERC), que se suman aos máis de 1,4 millóns para a estabilización de investigadores dentro do Sistema Universitario Galego

O departamento que dirixe Xesús Vázquez Abad traballa nun convenio coas universidades galegas para apoiar a candidatura de proxectos de excepcional calidade e altamente competitivos a dito programa europeo

O director xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, salientou que se trata dunha liña estratéxica do Goberno galego, cuxos resultados benefician ao conxunto do sistema de I+D+i

Hai que lembrar que, grazas ao apoio da Consellería de Cultura e Educación, un total de 79 investigadores galegos obtiveron un contrato indefinido nos últimos tres anos nas universidades do Sistema Universitario Galego

Ven, 21/11/2014 - 15:10
O director xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, salientou que se
O director xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, salientou que se trata dunha liña estratéxica do Goberno galego, cuxos resultados benefician ao conxunto do sistema de I+D+i

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria está a traballar nun convenio coas tres universidades do Sistema Universitario Galego (SUG) para incentivar e apoiar a presentación de proxectos competitivos no marco do European Research Council (ERC). Así o expuxo esta mañá o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, durante a xornada ‘Axudas á investigación do European Research Council’ organizadas pola Universidade da Coruña.

O departamento que dirixe Xesús Vázquez Abad comprométese a apoiar a concorrencia dos investigadores das tres universidades ao programa ERC no horizonte de 2020, nas súas distintas modalidades (Starting Grant, Consolidator Grant e Advanced Grant), de xeito que se presenten os mellores candidatos e que os proxectos sexan altamente competitivos. Para tal fin está previsto asinar un convenio a principios do vindeiro ano, cunha dotación duns 80.000 euros, que se engaden aos máis de 1,4 millóns de euros que se destinan á estabilización de investigadores en Galicia. Deste xeito, os investigadores e investigadoras do Sistema Universitario Galego poderán presentar e defender nas mellores condicións posibles as súas propostas nos procesos selectivos do ERC. Cómpre lembrar que o ERC é unha aposta da UE para posicionar ao conxunto de Europa na ciencia mundial con proxectos de excepcional calidade e altamente competitivos.

Segundo explicou o secretario xeral de Universidades, o departamento educativo da Xunta considera “altamente estratéxico” incentivar este tipo de accións xa que o éxito destes programas, máis aló do retorno científico e económico que o investigador produza, supón un indicador de calidade para o organismo no que se incorpore e para o conxunto do sistema galego de I+D+i.

Esta liña estratéxica pasa por priorizar ámbitos de investigación e innovación para os próximos anos, o que inclúe a definición e creación dun Sistema Integral de Apoio á Investigación e dunha liña de Xestión do Talento. Estas liñas, tal como explicou José Alberto Díez de Castro, deben estar orientadas ao financiamento e estabilización de Grupos de Investigación, ás Infraestruturas Científico-Técnicas e a Recursos humanos máis competitivos.

Estabilización

Cómpre lembrar que, grazas ao apoio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, un total de 79 investigadores galegos obtiveron un contrato indefinido nos últimos tres anos, logo da recente incorporación de tres deles do programa Starting Grant na Universidade de Santiago de Compostela.

Estas iniciativas enmárcanse dentro do Plan Galego de Investigación, Innovación e Crecemento 2011-2015, que ten como finalidade, entre outros, a captación, formación e retención do talento.

Menús News node R

Colectivo

Tema

Ensinanza