As provincias da Coruña e Pontevedra acollen esta semana os encontros literarios do programa Venres nas librarías

‘A toponimia celta de Galicia’, de Fernando Cabeza, e ‘Zapatillas rotas’, de Xabier Quiroga, son as novas obras protagonistas desta iniciativa promovida pola Xunta, a AGE e a Federación de Librarías para dinamizar o libro e a lectura
Os libros presentaranse mañá, ás 20 horas, nas librarías Vagalume de Lalín e Pedreira de Santiago, respectivamente
Xov, 20/11/2014 - 19:01
‘Zapatillas rotas’, de Xabier Quiroga
‘Zapatillas rotas’ de Xabier Quiroga

O programa Venres nas librarías, promovido polas consellerías de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e de Economía e Industria da Xunta de Galicia, xunto coa Federación de Librarías de Galicia e a Asociación Galega de Editores (AGE), chega mañá ás provincias de Pontevedra e da Coruña con dous novos encontros literarios para dinamizar o libro e a lectura.

‘A toponimia celta de Galicia’ (Toxosoutos), da autoría de Fernando Cabeza Quiles, e ‘Zapatillas rotas’ (Xerais), de Xabier Quiroga, son as obras protagonistas desta semana, que se presentarán mañá, ás 20 horas, na Libraría Vagalume de Lalín e na Libraría Pedreira de Santiago de Compostela, respectivamente.

Fernando Cabeza recolle no seu traballo a toponimia galega, antiga e actual, de orixe celta. Xunto cos topónimos galegos ofrécense as súas correspondencias peninsulares e europeas, documentadas noutras terras onde se asentaron os celtas. Mentres, a novela de Quiroga trata os valores da sociedade actual, a partir da desaparición do señor Xaquín da súa residencia de anciáns. Ao tempo que se produce a súa delirante busca, os protagonistas, un vello e un parado, van espertar unha historia do pasado que semellaba durmida.

Encontros literarios nas librarías

Os títulos galegos publicados ao longo do último ano son os protagonistas desta nova iniciativa para o fomento do libro e da lectura. Arredor destas publicacións e dos seus autores e autoras, Venres nas librarías propón encontros literarios en establecementos dedicados á venda e promoción do libro da Federación de Librarías de Galicia, que se desenvolverán durante os meses de outubro e novembro.

Os asociados da AGE son os encargados de elaborar a proposta de libros, de acordo cos autores e autoras, que forman parte da primeira edición do programa, e nel poden participar todas as librarías da Federación de Librarías de Galicia.

O calendario de Venres nas librarías, que inclúe títulos de Edicións Xerais, Edicións Embora, Hércules de Ediciones e Tosoxoutos, chegará ata o mes de novembro ás catro provincias galegas. O calendario do programa pode consultarse na axenda de Cultura, en cultura.gal.

Concursos nas redes sociais

O programa tamén conta cunha vertente nas redes sociais de Cultura, en facebook e twitter, cun pequeno concurso semanal de pistas para a descuberta dalgún libro galego, co que se agasallará o lector ou lectora que o descubra. Para participar neste concurso, Andel do agasallo, en @conscultura co hashtag #andeldoagasallo e na páxina www.facebook.com/CulturaGalegaXunta iranse facilitando pistas para adiviñar de que libro se fala cada semana nas redes.

Menús News node R

Tema