Educación reforza a aposta pola universidade e convoca 94 axudas predoutorais cunha contía de ata 23.500 euros por investigador, a máis alta da historia desde que existen estes contratos

Os soldos dos investigadores contratados aumentan entre un 7 e un 8 por cento segundo as modalidades, con respecto ao ano pasado

Por primeira vez nesta cuarta convocatoria a Consellería asume o financiamento íntegro da retribución anual dos contratados, xa que ata o de agora as universidades achegaban un 20 por cento

Tamén se incrementa nun cen por cento o complemento que se lles dá ás universidades para cubrir os gastos asociados á contratación, ao pasar de 500 a 1.000 euros por beneficiario e ano

A achega total que realiza o departamento educativo da Xunta ascende a 6,3 millóns de euros

Faise unha aposta decidida polos Campus Internacionais de Excelencia, xa que máis do 25 por cento das prazas destínanse a liñas estratéxicas integradas neles

Valoraranse de xeito especial aqueles proxectos orientados á Estratexia de Especialización Intelixente RIS3 para a captación de fondos europeos no período 2014-2020

Os contratos desenvolveranse a partires do 1 de abril de 2015 e serán dun ano prorrogables ata tres

Xov, 20/11/2014 - 14:39
Educación reforza a aposta pola universidade e convoca 94 axudas predoutorais cu
Educación reforza a aposta pola universidade e convoca 94 axudas predoutorais cunha contía de ata 23.500 euros por investigador, a máis alta da historia desde que existen estes contratos

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria convoca as axudas do Programa de apoio predoutoral 2014, pola que financiarán integramente un total de 94 contratos cunha contía de ata 23.500 euros por investigador, a máis alta da historia de Galicia desde que se existe este tipo de convocatoria.  Para tal fin, o departamento que dirixe Xesús Vázquez Abad achegará un total de 6,3 millóns de euros, cuxo gasto foi autorizado polo Consello da Xunta na súa reunión de hoxe. Cómpre salientar que este tipo de axudas garanten continuidade e estabilidade aos investigadores das universidades no Sistema Universitario de Galicia (SUG)

O Programa de apoio á etapa predoutoral enmárcase dentro do Plan Galego de Investigación, Innovación e Crecemento 2011-2015 (Plan I2C), e presta especial atención aos sectores estratéxicos en que Galicia posúe contrastada potencialidade, xa que o 25 por cento das prazas convocadas destínanse a liñas estratéxicas integradas nos Campus Internacionais de Excelencia, o Campus Vida de Santiago e o Campus do Mar de Vigo. De feito, valoraranse de xeito especial aqueles proxectos orientados á Estratexia de Especialización Intelixente RIS3 para a captación de fondos europeos no período 2014-2020

No período 2011-2014 a Consellería convocáronse un total de 387 prazas de contratos predoutorais con tres anos de duración e cun investimento por parte de Educación de máis de 23,5 millóns de euros. Isto supón unha gran vantaxe comparativa respecto das 234 prazas - cun contrato de 2 anos e seis meses de duración- convocadas en época de bonanza, no período 2007-2009.

Contías e modalidades

A convocatoria hoxe aprobada establece tres modalidades. Unha primeira Xeral, con axudas enfocadas a todas as ramas de coñecemento: Artes e Humanidades, Ciencias Sociais e Xurídicas, Enxeñerías e Arquitectura, Ciencias e Saúde. Para esta modalidade convócanse un total de 70 axudas por un importe máximo de 20.500 euros por alumno e ano (a contía do ano pasado foi de 19.000 euros). É dicir, que neste caso increméntase en case un 8 por cento a retribución dos contratados con respecto ao ano pasado.

As outras dúas modalidades están enfocadas a aqueles proxectos que apostan pola excelencia nos procesos de investigación como se vén demostrando cos recoñecementos do Campus Vida, liderado pola Universidade de Santiago; e do Campus do Mar, liderado pola Universidade de Vigo, como Campus de Excelencia Internacional. Deste xeito convócanse 12 axudas específicas de apoio á etapa predoutoral no ámbito do Campus Vida e outras 12 para o Campus do Mar, dotadas cada unha delas cun importe de 23.500 euros por contrato e ano, é dicir, que os beneficiarios recibirán 1.500 euros máis que na última convocatoria de 2013 (cuxa contía foi de 22.000 euros). Por tanto, os investigadores destas modalidades recibirán case un 7 por cento máis de soldo neste ano en comparación con 2013.

Os contratos desenvolveranse a partires do 1 de abril de 2015 e terán unha duración dun ano prorrogable ata un máximo de tres.

Incrementos económicos e requisitos

No que atinxe ao eido estritamente económico, ademais do incremento das contías por persoa e ano, por primeira vez a Consellería asume o financiamento íntegro deste Programa. Hai que lembrar que ata o de agora as Universidades achegaban un 20 por cento da contía nas modalidades B e C, é dicir, nas dos Campus de Excelencia. Así mesmo nesta convocatoria increméntase nun cen por cen o complemento que se lles achega ás universidades para cubrir os gastos asociados á contratación, xa que pasa dos 500 euros por persoa e ano a 1.000 euros por persoa e ano.

Xunta coas melloras económicas, nesta cuarta convocatoria a Consellería, atendendo a unha demanda das propias universidades, incorporou outros cambios como unha reprogramación temporal de xeito que entre a convocatoria estatal e a autonómica se garante o maior número de contratos posible, e a esixencia de estar matriculado nun programa oficial de doutoramento do SUG.

Poderán solicitar estas axudas, co visto e prace da súa universidade, as tituladas e os titulados superiores que se vaian formar como doutores nas universidades do SUG. Os seleccionados quedarán vinculados á universidade onde desenvolvan a súa actividade a través dun contrato de traballo en prácticas ou dun contrato laboral. No que atinxe aos requisitos esixidos, consonte á actual normativa académica estatal, agora non é imprescindible estar en posesión dun máster para acceder a unha axuda predoutoral, pero si que se valorará como mérito.

Con este tipo de iniciativas, o departamento que dirixe Xesús Vázquez Abad fomenta que as universidades do Sistema Universitario de Galicia contraten titulados e tituladas superiores para a súa formación como doutores nos seus centros. A contratación deste persoal nas etapas iniciais é de gran relevancia para lograr que o sistema acade unha dimensión dos seus recursos humanos de investigación comparable a outros países europeos. Cómpre salientar que esta fase constitúe a base para que mediante a execución dun proxecto de investigacións se adquiran as habilidades propias do persoal investigador.