Cultura e Educación participa no proxecto europeo ‘Parentnets’ para formar a pais, nais e profesores no uso das redes sociais

Hoxe tivo lugar a primeira reunión preparatoria deste programa educativo novidoso na UE que coordina o departamento que dirixe Xesús Vázquez Abad

No proxecto participan socios de Irlanda, Bélxica, Portugal, Romanía e España a través de Galicia e Cataluña

A Comunidade galega é pioneira na elaboración dunha Lei de Convivencia na que, por primeira vez e de forma específica, se recolle o tratamento e prevención do ciberacoso nas aulas

Xov, 20/11/2014 - 12:51
primeira reunión preparatoria deste programa educativo novidoso na UE que coordi
Primeira reunión preparatoria deste programa educativo novidoso na UE que coordina o departamento que dirixe Xesús Vázquez Abad

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acolleu hoxe a primeira das reunións preparatorias do proxecto europeo ‘Parentnets’, unha iniciativa financiada polo programa Erasmus+ que ten como principal obxectivo formar a pais, nais e profesores no eido das redes sociais e o seu uso por parte dos xoves. Galicia –a través do departamento de Educación– é a encargada de coordinar este proxecto europeo no que participan Irlanda, Bélxica, Portugal, Romanía e España a través da nosa comunidade e de Cataluña.

‘Parentnets’ é un proxecto integrado por institucións de sete países e que en España se encarga de coordinar a Consellería de Cultura e Educación a través da Dirección Xeral de Educación, FP e Innovación. Trátase dunha iniciativa innovadora que vén a cubrir un eido neste ámbito a nivel comunitario, xa que ata o de agora non existían accións concretas enfocadas á educación dos adultos a este respecto.

Deste xeito, ‘Parentnets’ céntrase no uso das novas tecnoloxías por parte dos menores e trata de facer especial fincapé na detección e prevención dos riscos que poden representar para os mais novos. Está dirixido, sobre todo, a pais e nais de calquera país europeo con pouco o nulo manexo das novas tecnoloxías, e a profesores de primaria ou secundaria interesados en utilizar a seguridade en internet como materia transversal na educación dos seus alumnos.

Manual e xogo multimedia dispoñibles en cinco idiomas

Os principais resultados deste proxecto plasmaranse nun manual e nun xogo multimedia que contribúan á prevención e solución dos posibles riscos que poidan derivarse do mal uso da Internet por parte de nenos e adolescentes. Estes materiais estarán dispoñibles en cinco idiomas: español, inglés, romanés, portugués e galego.

O manual configurarase como un completo material de apoio para que pais, profesores e outros interesados poidan obter información sobre os sitios máis populares nos que os seus fillos se relacionan en internet, e atopen o mellor xeito de previr posibles riscos.

O xogo multimedia estará composto de seis unidades didácticas, cada unha delas deseñada como un xogo de rol no que o xogador deberá superar tres fases: primeiro un adolescente atópase cun problema ou perigo, logo o xogador deberá adoptar o rol de pai para reaccionar ante dito problema escollendo entre varias opcións. Finalmente a aposta por unha opción ou outra determina o desenvolvemento do xogo ata que ao final se mostran os posibles beneficios ou/e riscos da elección que se fixo.

O proceso de elaboración destes materiais farase en tres etapas, na primeira das cales se levará a cabo unha investigación preliminar sobre as redes sociais máis populares por países e unha análise das posibles ameazas segundo os diferentes tipos de ferramentas e páxinas en liña. Cos datos compilados elaborarase un informe ao respecto. Xa nunha segunda etapa desenvolverase unha páxina web na que se verterá toda a información e, por último, daranse a coñecer o manual e o xogo.

Galicia pioneira na loita contra o ciberacoso

Este programa europeo no que agora se comeza a traballar vén a reforzar as actuacións da Consellería de Cultura e Educación respecto a este tema, que se manifesta en liñas estratéxicas como a Lei de convivencia, que converteu a Galicia na comunidade española pioneira en elaborar unha normativa na que se recolle de forma específica o tratamento e prevención do ciberacoso nas aulas; ou o protocolo xeral de prevención, detención e tratamento das situacións de acoso escolar.

Doutra banda a Consellería de Educación, en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), a institución do Valedor do Pobo e a Universidade de Santiago, elaborou recentemente un estudo para afondar nos usos da rede por parte dos mozos e mozas e, deste xeito, dispoñer da información necesaria para o deseño de medidas  específicas ao respecto.