Cultura e Educación promove a excelencia das ensinanzas artísticas superiores a través da sinatura dun convenio para que a ACSUG avalíe a calidade dos seus plans de estudos

O obxectivo deste acordo é asegurar a calidade deste tipo de Ensinanzas e que estean ao mesmo nivel que o resto das titulacións universitarias galegas

Estas titulacións, que xa son equivalente ao grao universitario, así como os mestrados oficiais vinculados ás mesmas seguirán procedementos para a súa acreditación homologables aos que se sigue para calquera titulación universitaria

Mér, 19/11/2014 - 13:30
 Cultura e Educación promove a excelencia das ensinanzas artísticas superiores a
Cultura e Educación promove a excelencia das ensinanzas artísticas superiores a través da sinatura dun convenio para que a ACSUG avalíe a calidade dos seus plans de estudos

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad; e o director do consorcio Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG), José Eduardo López Pereira; asinaron esta mañá un convenio de colaboración a través do cal esta axencia independente será a partires de agora a responsable de realizar o protocolo de avaliación e acreditación dos plans de estudos das ensinanzas artísticas superiores, as ensinanzas conducentes ao título superior e as ensinanzas artísticas oficiais de mestrado; un proceso homologable ao que se segue para calquera titulación universitaria e que garante a máxima calidade dos plans de estudos.

O principal obxectivo deste convenio é, por tanto, asegurar a calidade das titulacións das Ensinanzas Artísticas Superiores e que o seu nivel de excelencia sexa igual ao do resto das titulacións universitarias galegas.

Deste xeito o departamento educativo da Xunta de Galicia promove a excelencia dunhas titulacións que xa teñen recoñecida a súa equivalencia coas universitarias, especialmente reforzada desde a publicación da nova Lei para a Mellora da Calidade Educativa (LOMCE) e polo o Real Decreto 96/2014. Cómpre lembrar, ademais, que estes estudos forman parte do Espazo Europeo de Educación Superior (EEES).

Ao abeiro deste acordo a Consellería realizará un seguimento continuado do procedemento, sempre respectando a independencia da axencia avaliadora. Así mesmo facilitará a interlocución cos centros de ensinanzas superiores e, ademais, participará na aplicación do marco para o seguimento e a acreditación dos títulos oficiais, no que se refire ás actuacións relativas ao seguimento e ao acceso e admisión do alumnado, e de planificación da titulación.

Pola súa parte a ACSUG comprométese a aplicar o procedemento de avaliación establecido no marco para a verificación, o seguimento, a modificación e a acreditación dos títulos oficiais, así como a realizar tarefas de asesoramento e acompañamento aos órganos da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e a asignar as propostas de ensinanzas artísticas superiores á Comisión Galega de Informes, Avaliación, Certificación e Acreditación (CGIACA).

Un novo paso no prestixio das ensinanzas artísticas

Coa sinatura deste convenio a Consellería dá un novo paso no recoñecemento da calidade e prestixio das ensinanzas artísticas. Non en balde esta nova medida súmase ao convenio recentemente asinado coa Universidade de Vigo a través do que a Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia -dependente do departamento educativo da Xunta- colaborará coa institución universitaria no Máster en Valoración, Xestión e Conservación do Patrimonio Cultural. A través dese acordo parte das ensinanzas deste programa impartirase nas instalacións da Escola, cuxos profesionais poderán colaborar na docencia deste plan de estudos, sempre como profesorado externo á Universidade. Pola súa parte a UVigo facilitará que o alumnado da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia acceda a este máster, co fin de completar os seus estudos.

No acto da sinatura estiveron presentes o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, o director xeral de Educación, Formación Profesional e Educación, Manuel Corredoira, así como representantes das escolas superiores de arte Ramón Falcón de Lugo, Pablo Picasso da Coruña, Mestre Mateo de Santiago e Antonio Faílde de Ourense; así como dos conservatorios superiores de música da Coruña e de Vigo, da Escola Superior de Arte Dramático, en Vigo; e da escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia, que está en Pontevedra.