106 concellos reciben as axudas de Política Lingüística para promover o uso do galego desde o ámbito local

Foron 43 localidades máis as beneficiarias respecto da anterior resolución

Lun, 06/09/2010 - 18:14

Un total de 107 concellos de Galicia recibirán as subvencións que a Secretaría Xeral de Política Lingüística destina a promover a dinamización do galego desde o ámbito local. Isto supón 43 localidades beneficiarias máis que na anterior convocatoria, na que recibiron estas axudas os 63 concellos solicitantes, ademais das catro deputacións.

O departamento que dirixe Anxo Lorenzo vén de facer pública no seu web a asignación das axudas, destinadas á creación e ao mantemento dun servizo lingüístico nos concellos, así como a subvencionar a planificación e o desenvolvemento de programas de dinamización da lingua galega desenvolvidos desde o ámbito local.

Maior impacto económico para os concellos

A convocatoria deste ano mantén a dotación orzamentaria da anterior, un total de 602.668 euros, mentres que se incrementa o impacto económico para os concellos. Fronte a orde de subvencións anterior, a que vén de resolverse non contempla as deputacións como beneficiarias, xa que estas recibirán axudas económicas en materia de dinamización lingüística a través doutras vías de colaboración coa secretaría xeral.

23 concellos solicitaron as axudas agrupados

A convocatoria para a concesión destas axudas supón un importante cambio cualitativo respecto de ordes anteriores, xa que, por primeira vez, puideron optar ás subvencións concellos agrupados que acadaran unha poboación igual ou superior a 3.000 habitantes.

Na convocatoria de axudas déuselles prioridade a estas agrupacións. Así se recolle nos criterios de avaliación de solicitudes, onde se lles outorga a máxima puntuación, 30 puntos, ás agrupacións que inclúan unha localidade de menos de 3.000 habitantes para a creación dun servizo lingüístico. Con esta novidade que se contempla na convocatoria búscase, por unha banda, garantir a viabilidade técnica e económica dos servizos lingüísticos e, por outra, promover a colaboración entre concellos para estender a prestación destes servizo á cidadanía e darlle, deste xeito, a máxima cobertura ao territorio galego, chegando ás zonas con menor poboación.

En total, foron 23 as localidades que se presentaron agrupadas. Fixérono Boimorto e Sobrado, Carballedo e San Cristovo de Cea, A Bola e Castrelo de Miño e mais a Mancomunidade de Municipios da Mariña Lucense, da que forman parte os concellos de Alfoz, Barreiros, Cervo, Lourenzá, Foz, Mondoñedo, Ourol, A Pontenova, Trabada, Ribadeo, O Valadouro, O Vicedo, Viveiro, Xove, Riotorto, Burela e Abadín.

Modalidades de axuda e criterios de valoración

Os 106 concellos beneficiarios recibirán axudas segundo as seguintes modalidades das que consta a convocatoria. En primeiro lugar, subvención á creación dun servizo lingüístico dun concello. En segundo lugar, subvención á creación dun servizo lingüístico de dous ou máis concellos agrupados. A terceira modalidade é o mantemento ou reforzamento dun servizo lingüístico dunha entidade local. E, finalmente, contémplanse subvencións para o desenvolvemento de actividades e/ou programas de dinamización lingüística dunha entidade local carente de servizo lingüístico.

Na valoración das solicitudes presentadas tivéronse en conta diversos parámetros, como o poboacional, a consideración estratéxica dos concellos (segundo o tipo de hábitat, o índice de desgaleguización e a continuidade do servizo), as características das actividades de dinamización e a súa adecuación aos ámbitos de actuación que se priorizan na orde e a colaboración con outras entidades no desenvolvemento dos programas de dinamización.

Redefinición de criterios para avanzarmos na extensión do uso do galego

Ademais de darlle prioridade ao agrupamento de concellos, a nova convocatoria de axudas que publicou en abril Política Lingüística incluía outras novidades importantes que teñen como obxectivo avanzar na extensión do uso do galego.

Por unha banda, búscase favorecer a coordinación na tarefa normalizadora e introducir pautas axeitadas para a planificación da actividade de dinamización do galego. Neste sentido, a convocatoria priorizou as intervencións nos ámbitos da mocidade, o deporte, a empresa e as TIC. Por outra banda, preténdese incidir no fomento de actuacións que garantan unha maior proxección e visibilidade da lingua galega, non só no ámbito administrativo, senón fundamentalmente na acción destinada ao conxunto da sociedade. Ademais, delimítanse as funcións dos servizos lingüísticos, que deben desenvolver actividades de dinamización, formación socio(lingüística), asesoramento e coordinación en todos os ámbitos do termo municipal, co fin de incrementar o uso e prestixio do galego en todos os ámbitos sociais. E finalmente, establécese un novo perfil para o técnico ou técnica, que debe ter categoría profesional de licenciado ou licenciada e posuír licenciatura en Filoloxía Galega ou outras titulacións superiores das áreas de humanidades ou ciencias xurídicas ou sociais, sempre que posúan o Certificado

Apoio ao labor dinamizador impulsado desde as entidades locais

A través da concesión destas subvencións ás entidades locais de Galicia, Política Lingüística busca favorecer o labor de normalización que levan a cabo as entidades locais e que as súas medidas de fomento do galego cheguen con máis amplitude e eficacia á cidadanía.

Menús News node R

Departamento