Vázquez Abad visitou o CEIP Plurilingüe Infante Felipe de Borbón, en Salvaterra de Miño, no que Cultura e Educación leva investidos preto de 460.000 euros desde 2009

O conselleiro de Cultura e Educación comprobou o estado das obras de peche da parcela que se están levando a cabo

Lun, 10/11/2014 - 14:28
Vázquez Abad visitou o CEIP Plurilingüe Infante Felipe de Borbón, en Salvaterra
Vázquez Abad visitou o CEIP Plurilingüe Infante Felipe de Borbón, en Salvaterra de Miño, no que Cultura e Educación leva investidos preto de 460.000 euros desde 2009

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, visitou hoxe as instalacións do CEIP Plurilingüe Infante Felipe de Borbón, en Salvaterra de Miño, no que o departamento que dirixe leva investidos preto de 460.000 euros nos últimos seis anos.

Na visita, na que estivo acompañado da delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, e do xefe territorial de Educación en Pontevedra, César Ares, Xesús Vázquez Abad tamén aproveitou para coñecer de primeira man as inquedanzas e demandas do centro de cara ao futuro.

No que atinxe a obras de reforma e mantemento, o departamento educativo da Xunta leva investido neste centro escolar preto de 440.000 euros desde o ano 2009. Precisamente o conselleiro aproveitou a visita ao centro para comprobar de primeira man as obras de peche da parcela que se están executando nestes momentos e que absorben un orzamento duns 25.000 euros. A maiores, este mesmo ano, a Consellería destinou ao propio centro outros 5.000 euros en concepto de gasto de funcionamento para levar a cabo o arranxo da fachada.

Doutra banda, desde o curso 2011-2012 o CEIP Infante Felipe de Borbón conta con Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE), cun investimento por parte da Consellería de preto de 20.000 euros.

Así mesmo, o centro dispón de dúas aulas dixitais  e conta con dous contratos-programa desde o curso 2013-2014; un correspondente á modalidade de acompañamento fóra do horario lectivo dos que se benefician 30 alumnos de 5º e 6º de primaria; e outro de mellora da lectura, da escritura e do cálculo, do que se benefician o conxunto dos 300 alumnos de educación primaria do centro. Cómpre lembrar que estes contratos-programa teñen como obxectivo mellorar o éxito escolar.