O programa dos Axóuxeres inicia unha nova etapa chea de música, xogos, cantigas e palabras para os máis pequenos

O responsable de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, presentou en Santiago este programa de dinamización do galego que comeza mañá na Coruña

Ven, 03/09/2010 - 14:22
De esquerda a dereita Chisco Casteleiro, director de produción de Galitoon –empr
De esquerda a dereita Chisco Casteleiro, director de produción de Galitoon –empresa que produce as Festas e os Encontros dos Axóuxeres–; Anxo Lorenzo, secretario xeral de Política Lingüísitca, e o actor Xosé Manuel Olveira Pico, que interpreta o papel de Avó, e por Totó, o boneco dos Axóuxeres

A cidade da Coruña acollerá mañá o inicio da nova edición dos Axóuxeres, unha iniciativa da Secretaría Xeral de Política que, mediante a música, os xogos, as cantigas e as palabras, busca favorecer a incorporación do galego á comunicación entre as familias e os bebés.

O responsable da Secretaría Xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, presentou hoxe en Santiago este programa de dinamización lingüística, destinado a nenos e nenas de 0 a 3 anos e ás súas familias, que percorrerá as sete cidades galegas no seu formato de festas e outras doce localidades no formato de encontros. Ademais, este ano, o programa introduce como novidade os obradoiros, que se levarán a cabo nas mesmas poboacións.

Durante a presentación, o secretario xeral incidiu en que “Os Axóuxeres constitúen unha iniciativa coa que Política Lingüística quere contribuír a que as familias valoren positivamente o galego e a que lles transmitan esta lingua aos seus fillos”. “Para iso –dixo Anxo Lorenzo– quixemos crear un espazo de lecer pensado para o gozo dos bebés e dos acompañantes no que, ao mesmo tempo, os pais e nais poidan obter ideas para xogaren  despois na casa cos seus fillos e fillas”.

O responsable de Política Lingüística estivo acompañado por Chisco Casteleiro, director de produción de Galitoon –empresa que produce as Festas e os Encontros dos Axóuxeres–; polo actor Xosé Manuel Oliveira Pico, que interpreta o papel de Avó, e por Totó, o boneco dos Axóuxeres.

As festas, que abren esta programación, consisten nun espectáculo participativo dunha hora de duración que xunta a música, o teatro e o xogo para animar os bebés e as súas familias a empregar o galego no día a día. Ademais da de mañá na Coruña, as festas terán parada durante o que queda de mes en Ferrol (o día 5), en Lugo (o 11), en Ourense (o 12), en Pontevedra (o 18), en Vigo (o 19) e, finalmente, en Santiago (o 25).

Unha homenaxe aos avós e ás avoas

O elemento que centra as festas é un espectáculo que homenaxea os avós e as avoas, en recoñecemento polo seu labor de coidado, educación e transmisión da lingua aos máis pequenos. Na obra, Eli, unha nena que axuda o seu avó -papel que interpreta o coñecido actor Xosé Manuel Oliveira Pico- a recuperar o caderno no que garda os debuxos máis bonitos, as cantigas máis fermosas, os xogos máis divertidos, as adiviñas de cando el era neno... Faino coa axuda de Totó, un bonequiño de pelo azul que está aprendendo as súas primeiras palabras.

Novo formato: os obradoiros dos Axóuxeres

Cun formato máis reducido, os encontros dos Axóuxeres levarán cantigas, adiviñas e xogos a outras doce localidades. Estas actuacións botarán a andar xa no mes de xaneiro.

Como novidade, Política Lingüística introduce este ano os obradoiros dos Axóuxeres, que prolongarán a actividade das festas (durante os meses de setembro e outubro) e dos encontros (xa en xaneiro). Este novo formato, que se centra na transmisión do afecto, combinan un pequeno curso de masaxe infantil, música e cantigas de arrolo tradicionais galegas.

O galego como mellor legado

O obxectivo prioritario que persegue este programa é favorecer a introdución do galego como idioma de comunicación entre as familias e os máis pequenos, que conforman unha franxa de idade á que a Secretaría Xeral de Política Lingüística presta especial atención na súa actividade de dinamización.

Os Axóuxeres busca a complicidade dos pais e das nais para que contribúan á cadea de transmisión da lingua e lles deixen aos seus fillos e fillas o galego como o mellor legado. O xogo, a música e a experiencia sensorial axudan a que os máis pequenos aprendan a gozar coa súa lingua.

Menús News node R