A exposición ‘Arte e Ciencia’ apoiada pola Consellería de Cultura e Educación inaugúrase en Santiago para conmemorar o Mes da Ciencia en Galego

A mostra, organizada pola asociación Igaciencia, poderá visitarse na Galería Sargadelos da capital de Galicia ata o dia 15 de novembro

Ao acto de inauguración asistiu o secretario xeral de Política Lingüística

Lun, 03/11/2014 - 20:00
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou no acto
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou no acto de apertura da mostra Arte e Ciencia, que promove a Asociación Igaciencia co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, co gallo da celebración do Mes da Ciencia en Galego

O secretario xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura e Educación, Valentín García, participou este serán na inauguración da exposición “Arte e Ciencia” na Galería Sargadelos de Santiago. Esta mostra, que conta co apoio da Consellería, é unha das múltiples iniciativas coa que se celebrará novembro como Mes da Ciencia en Galego.

Valentín García agradeceu o traballo da Institución Galega de Ciencia, Igaciencia, organizadora da exposición, para achegar a investigación á sociedade sempre en galego, “co afán de demostrar a validez da nosa lingua para a produción e a divulgación científicas”. Neste sentido, sinalou que “o gran milagre das linguas humanas –de todas e cada unha delas e, xa que logo, tamén do galego- é que, cando se cultivan, serven para expresar calquera cousa en calquera ámbito, incluído o científico”.

No acto acompañaron o secretario xeral Inés Ben González, comisaria e coautora de “Arte e Ciencia”; Manuel Díaz Regueiro, presidente de Igaciencia e coautor da exposición, e Alba Regueiro, encargada da Galería Sargadelos.

Arte e ciencia

O obxectivo fundamental da exposición, que poderá visitarse na Galería Sargadelos de Santiago de Compostela entre o 3 e o 15 de novembro, é ilustrar e profundar no diálogo entre a ciencia e a arte. Para explorar esa interacción dinámica selecciónanse obras e autores representativos de distintos movementos artísticos ao longo do tempo, iniciando a viaxe na arte castrexa e rematándoa con obras de arte dixital 3D de Manuel Díaz.

A exposición, que prima a compoñente didáctica e divulgativa, pódese visitar por libre, mais os centros educativos ou as facultades universitarias tamén poden concertar visitas guiadas a través do web www.igaciencia.eu ata o día 6 de novembro.

Colaboración con Igaciencia

A Consellería de Cultura e Educación, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, apoia o labor de divulgación social da ciencia en galego que realiza a Institución Galega de Ciencia, Igaciencia. Ademais de colaborar na exposición “Arte e Ciencia”, patrocina, xunto con EducaBarrié, o concurso Inventa en Galego, dirixido a alumnado de educación non universitaria. As bases deste concurso poden consultarse no web de Igaciencia (www.igaciencia.eu) e no da Secretaría Xeral de Política Lingüística (www.xunta.es/linguagalega).

Mes da Ciencia en Galego

A exposición “Arte e Ciencia” é a primeira das actividades coas que a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura e Educación abre o Mes da Ciencia en Galego. Trátase dunha celebración que pretende poñer en valor o uso do idioma propio de Galicia no ámbito científico e contribuír a promover a investigación desenvolvida na nosa lingua.

A divulgación a través do web dos traballos máis destacados dos equipos de dinamización da lingua galega arredor desta conmemoración ou a celebración en Lalín de diversos actos centrados na figura do matemático e físico galego José Rodríguez, a quen se lle dedica este ano o Mes da Ciencia, son algunhas outras accións encamiñadas ao mesmo fin.

Menús News node R

Colectivo