Xesús Vázquez Abad, na inauguración da VI xornada sobre Tecnoloxías e Solucións para a Automatización Industrial (Jai’2014) no auditorio do centro social Afundación

O programa de relatorios e sesións técnicas está orientado á difusión formativa e informativa das últimas innovacións neste eido

Lun, 03/11/2014 - 12:50
 Xesús Vázquez Abad, na inauguración da VI xornada sobre Tecnoloxías e Solucións
Xesús Vázquez Abad, na inauguración da VI xornada sobre Tecnoloxías e Solucións para a Automatización Industrial (Jai’2014) no auditorio do centro social Afundación

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, acudiu hoxe, no auditorio do centro social Afundación, á xornada inaugural da VI xornada sobre Tecnoloxías e Solucións para a Automatización Industrial (Jai’2014), organizadas pola Universidade de Vigo, a Escola de Enxeñería Industrial e o departamento de Enxeñería de Sistemas e Automática.

O representante da Xunta foi recibido polo Reitor, Salustiano Mato e, seguidamente, atendeu as explicacións do profesor Julio Garrido e do alumno Jaime Prado creadores da impresora 3D da Universidade viguesa, que coas súas dimensións de 1,10 x 1,30 x 1,96 metros e 200 quilos de peso, está exposta no hall do edificio de Policarpo Sanz. Os inventores da espectacular máquina fixéronlle entrega ao Conselleiro dun escudo da Xunta impreso en 3D.

A continuación, o conselleiro percorreu parte das instalacións onde se desenvolven estas xornadas, e nas que tamén se exhiben outras impresoras 3D Lupeon ou a que fixo o satélite Femtoxat, así como o Fisio robot de AIMEN. Vázquez Abad detívose igualmente a observar unha demostración do funcionamento do robot mascota, chamado NAO. (http://maccorobotics.com/robot-nao/) e outras demos como os conos móbiles de estrada de IMATIA (relacionado con Centro Tecnolóxico de Automoción).

Difusión de innovación e tecnoloxía

O programa das conferencias e sesións técnicas da JAI’2014 está orientado á difusión formativa e informativa das máis innovadoras e avanzadas tecnoloxías de automatización e control industrial, posto que chegan a ser un factor diferencial grazas a que as empresas dos países mais desenvolvidos poden distinguirse e diferenciarse do resto.

O obxectivo é que os asistentes, xa sexan alumnos de últimos cursos ou docentes de toda a eurorrexión Galicia—Norte de Portugal, España e Iberoamérica, que desexen manter ao día e renovar os seus coñecementos nas disciplinas de enxeñería, coñezan de primeira man as tecnoloxías, solucións e tendencias máis modernas no ámbito da automatización e enxeñería de procesos industriais, presentado por técnicos responsables de produtos das empresas multinacionais fabricantes de solucións industriais, institucións e centros tecnolóxicos de recoñecido prestixio.