O Consello da Xunta aproba os estatutos da Universidade de Vigo

O documento establece como fins prioritarios da institución académica a consecución da excelencia na calidade da docencia e a investigación
Xov, 14/01/2010 - 09:23

O Consello da Xunta aprobou hoxe o decreto que recolle os novos estatutos da Universidade de Vigo, despois de que a institución académica realizase as pertinentes modificacións, recomendadas pola Asesoría Xurídica da Xunta tras unha primeira análise da legalidade do texto.

O claustro da Universidade de Vigo aprobou o pasado 10 de novembro por unanimidade a adaptación do proxecto de estatuto ao informe de legalidade emitido pola Xunta de Galicia, trámite tras o que o texto volveu pasar á Asesoría Xurídica, que emitiu finalmente informe favorable.

O documento, composto por 164 artigos, entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, o que suporá a derrogación do Decreto 421/2003, polo que se aprobaban os estatutos vixentes ata a actualidade.

Transmisión de coñecemento á sociedade

A norma institucional básica establece como fins prioritarios da Universidade de Vigo a consecución das máximas cotas de calidade de docencia e investigación; e o fomento da procura de novos coñecementos, da creación artística e do desenvolvemento científico. Ademais, e como organización pública, a Universidade de Vigo comprométese á difusión dos coñecementos e da cultura á sociedade.

As novas condicións que afectan o eido universitario tamén están presentes no articulado. Deste xeito, outra das metas recollidas é o afondamento na cooperación entre universidades no ámbito internacional e a integración no Espazo Europeo de Educación Superior (EEES). Ademais, a Universidade de Vigo asume a responsabilidade de acollerse a un modelo de desenvolvemento sustentable baseado no respecto, na preocupación e na conservación do medio; e a promover a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres.

Por outra banda, os novos estatutos establecen que a Universidade de Vigo vai dedicar especial atención ao estatuto e desenvolvemento da realidade histórica, social, económica e da cultura de Galicia; coñecementos que se proxectarán para a solución de problemáticas concretas de ámbito galego mediante programas específicos de docencia, investigación e difusión.

Nesta mesma liña, comprométese a detectar, diagnosticar e contribuír á solución dos problemas da sociedade actual, promovendo ao mesmo tempo políticas activas de igualdade e promoción social.