A Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais da Consellería de Cultura e Educación colaborará coa UVigo no máster en valoración, xestión e conservación do patrimonio cultural

Parte da formación deste programa de estudos realizarase nas instalacións deste centro, cuxos profesores colaborarán na docencia do máster

O alumnado da Escola terá prioridade para o acceso a estes estudos, que confirman a equivalencia co grao universitario dos títulos obtidos nas ensinanzas artísticas superiores

Mér, 15/10/2014 - 11:10
A Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais da Consellerí
A Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais da Consellería de Cultura e Educación colaborará coa UVigo no máster en valoración, xestión e conservación do patrimonio cultural

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, e o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, asinaron hoxe un convenio de colaboración a través do que a Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia -dependente do departamento educativo da Xunta- colaborará coa institución universitaria no Máster en Valoración, Xestión e Conservación do Patrimonio Cultural. Así, ao abeiro deste acordo parte das ensinanzas deste programa impartirase nas instalacións da Escola, cuxos profesionais poderán colaborar na docencia deste plan de estudos, sempre como profesorado externo á Universidade. Pola súa parte a UVigo facilitará que o alumnado da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia acceda a este máster, co fin de completar os seus estudos.

Deste xeito queda demostrada a equivalencia co grao universitario dos títulos obtidos nas ensinanzas artísticas superiores, cuestión reafirmada pola nova Lei para a Mellora da Calidade Educativa (LOMCE). Neste sentido o texto lexislativo establece que “os alumnos que superen os estudios de ensinanzas artísticas superiores obterán o Título Superior que queda incluído a todos os efectos no nivel 2 do Marco Español de Cualificacións para a Educación Superior, e será equivalente ao título universitario de grao. Sempre que a normativa aplicable esixa estar en posesión do título universitario de Grao, entenderase que cumpre este requisito quen estea en posesión do correspondente Título Superior”.

No acto de sinatura estiveron tamén presentes o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación educativa, Manuel Corredoira; a delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch; e mailo subdirector xeral de Aprendizaxe permanente e Ensinanzas de réxime especial,  Juan Durán.

Plan de estudos

O máster en Valoración, Xestión e Protección do Patrimonio impartirase tanto na devandita escola como na Escola de Enxeñaría de Minas (UVigo) e na Facultade de Historia (UVigo, campus de Ourense). Trátase dunha formación de carácter mixto/profesionalizante de modalidade semipresencial, que busca conxugar sinerxías procedente de múltiples ámbitos profesionais e científicos para crear un novo espazo profesional vinculado ao Patrimonio.

O plan de estudos divídese en 6 módulos. O módulo 1 aborda a xestión do Patrimonio cultural, mentres que o 2 se centra na documentación e representación do mesmo a través de diferentes ferramentas, tecnoloxías e técnicas de documentación cartográfica. No caso dos módulos 3 e 4, funcionan como dous itinerarios diferentes entre os que terá que escoller o alumno. dedicarase ao coñecemento das tecnoloxías construtivas e as técnicas de caracterización de materiais e entorno e nas claves que permiten identificar os factores de deterioro que actúan sobre o Patrimonio cultural e definir o seu diagnóstico de conservación; mentres que o segundo procura dar aos estudantes ferramentas e coñecementos para a consulta de fontes de información para a elaboración de informes histórico-artísticos, a análise e interpretación do Patrimonio no seu contexto territorial, e afondará na súa posta en valor e protección.