Cultura e Educación leva a Pontevedra unha exposición fotográfica que pon en valor o papel da muller galega

‘Mulleres século XX. Luces e sombras’, que se inaugura hoxe ás 20 horas na Biblioteca Pública de Pontevedra, amosa as condicións de vida e o traballo desenvolvido por mulleres entre os anos 30 e 80

Xov, 09/10/2014 - 18:10
‘Mulleres século XX. Luces e sombras’
‘Mulleres século XX. Luces e sombras’

O Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria inaugura esta tarde, ás 20 horas, a exposición itinerante ‘Mulleres século XX. Luces e sombras’, que se poderá visitar desde hoxe e ata o 25 de outubro na Biblioteca Pública Antonio Odriozola de Pontevedra.

Co obxectivo de difundir o patrimonio documental custodiado nos arquivos de xestión autonómica, a Consellería pon en valor o papel da muller galega a través desta exposición itinerante, organizada en 2013 polo Arquivo Histórico Provincial de Lugo, que mostra en imaxes as condicións de vida, traballo e participación da muller galega ao longo dos anos 30 e 80 do século XX.

O traballo e a participación na vida social de campesiñas, obreiras, mestras, costureiras, nais, etc. están representados nesta exposición, que lle dá visibilidade ao esforzo continuado das mulleres galegas. As imaxesacompáñanse de textos de autoras clásicas como Concepción Arenal, e historiadoras como Ofelia Rey Castelao e Serrana Rial García e apóianse nunha pequena escolma de publicacións sobre as mulleres.

A exposición permanecerá aberta ata o vindeiro día 25 de outubro en horario, de luns a venres, de 9 a 21 horas e o sábado, de 10 a 14 horas.

Menús News node R

Tema