As obras do novo Centro de Investigación en Biomedicina e Veterinaria en Lugo, financiado pola Consellería de Cultura e Educación, avanzan a bo ritmo

O secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, visitou as obras de construción do CEBIOVET que está a realizar a empresa Xestión Ambiental S.L en Lugo

Ven, 03/10/2014 - 17:23
O secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro
O secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, visitou as obras de construción do CEBIOVET que está a realizar a empresa Xestión Ambiental S.L en Lugo

O secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, en representación da consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, visitou hoxe as obras de construción do novo Centro de Investigación en Biomedicina e Veterinaria en Lugo.A empresa Xestión Ambiental S.L está a realizar as obras do CEBIOVET, cun orzamento de máis de 3,2 millóns de euros.

A día de hoxe remataron as tarefas preparatorias, como o baleirado e aclarado das antigas instalacións así como o cerrado e instalación das casetas de obra. Ademais xa se construíron os espazos provisionais para a docencia ao tempo que se trasladou o material das antigas aulas. O vindeiro martes está previsto o derrubamento de parte das vellas estruturas e a construción da nave de grandes animais. As obras avanzan segundo o previsto para que poidan ser finalizadas en decembro de 2015.

Un centro de referencia

O CEBIOVET está chamado a ser un centro de referencia na investigación en medianos e grandes animais, que permitirá abrir novas liñas de investigación e novas oportunidades docentes, e contribuíndo á formación de persoal altamente especializado e, en definitiva, ao fortalecemento do campus universitario de Lugo e á súa especialización na investigación no eido agro-gandeiro. Ademais, o novo centro contribuirá á relación coas empresas que, á súa vez e beneficiándose da transferencia do coñecemento científico, poderán dar saída a novos produtos e servizos.

Cunha superficie de 4.782,10 metros cadrados construídos o novo centro vai contar con todos os estándares para que nel se poidan facer traballos en colaboración con calquera empresa ou centro investigador, xa que as súas instalacións van estar de acordo coa última normativa reguladora das características que deben ter os centros nos que se realiza investigación con animais - ano 2013-; unhas condicións de calidade que, neste momento, teñen moi poucos centros deste tipo en Europa.

O novo complexo permitirá albergar no mesmo edificio os grupos de medianos e grandes animais, a través da reforma e ampliación dos actuais pavillóns de hospitalización e experimentación animal, ao que se unirá ao aumento das instalacións actuais mediante a construción dun novo pavillón. Ademais, conectaranse os dous habitáculos mediante a construción dun corredor cuberto que facilite o tránsito entre os diferentes módulos.

Menús News node R