A Consellería de Cultura e Educación destinou 48 millóns de euros nos 3 últimos anos á concesión de 311 axudas á consolidación dos investigadores da universidade galega

Confírmase así a aposta da Xunta polo coñecemento e o I+D+i como motor do futuro de Galicia, de tal forma que Galicia é hoxe un referente estatal no apoio á investigación nas universidades públicas

O importe da convocatoria de 2014 multiplicou por dous a media das convocatorias dos anos anteriores á crise económica

Xov, 02/10/2014 - 19:11
 A Consellería de Cultura e Educación destinou 48 millóns de euros nos 3 últimos
A Consellería de Cultura e Educación destinou 48 millóns de euros nos 3 últimos anos á concesión de 311 axudas á consolidación dos investigadores da universidade galega

A Cultura, Educación e Ordenación Universitaria destinou nos anos 2012, 2013 e 2014 un total de 48 millóns de euros á concesión de 311 axudas para consolidar, estruturar e especializar as unidades de investigación máis competitivas do Sistema universitario de Galicia (SUG), mediante as modalidades de grupos de referencia competitiva, grupos con potencial de crecemento e redes de investigación. Así se desprende do informe analizado hoxe polo Consello da Xunta, no que se aprecia a aposta do Goberno galego polo coñecemento e o I+D+i como motor do futuro de Galicia, ao abeiro do Plan I2c. De feito, as devanditas axudas duplican case as 173 concedidas nos anos 2006, 2007 e 2008, en tempos de bonanza económica, ás que o anterior executivo destinara 34,35 millóns de euros.

Así, Galicia é hoxe referencia estatal no que atinxe ao apoio investigador en universidades públicas, sendo a única comunidade que é quen non só de manter, senón de incrementar os niveis de axudas a grupos competitivos de investigación por enriba dos importes anteriores á crise económica. De feito a resolución da convocatoria de 2014, que acaba de publicarse, multiplicou por dous a media das convocatorias dos anos 2006,2007 e 2008: 20,7 millóns de euros, case un 71% máis ca maior cantidade destinada antes de que comezara a crise (14,4 millóns en 2007). Ao abeiro dela concedéronse este ano 141 axudas a outros tantos grupos de investigación universitarios, o maior número desde que se creou esta convocatoria en 2006. Aos grupos financiados neste 2014 cómpre engadir os que están a ser financiados con cargo a convocatorias anteriores, nun número de 326, o que supón que neste momento están vivas 467 axudas a grupos de investigación universitarios.

Cómpre lembrar, a maiores destas axudas, que desde 2011 - cando o departamento dirixido por Vázquez Abad asumiu competencias en investigación universitaria- a Consellería de Cultura e Educación autorizou e financiou a contratación indefinida ou temporal de 100 profesores de perfil investigador nas universidades galegas. Deste xeito o Sistema universitario de Galicia (SUG) foi quen de reter á práctica totalidade de investigadores de alto nivel ligados aos programas competitivos nacionais e autonómicos (Ramón y Cajal, Parga Pondal e similares).

Modalidades

Os importes das axudas a grupos van destinados a financiar conceptos que se relacionen coa actividade de consolidación tales como o custo de contratación de persoal investigador ou auxiliar, o pequeno equipamento e material funxible, o material bibliográfico e adhesión a sociedades científicas, ferramentas de xestión do coñecemento e a información, a formación dos membros do grupo ou a organización de actividades de difusión, entre outros.

As axudas para grupos de referencia competitiva van dirixidas á consolidación de grupos de investigación do SUG que pola súa produción científica e a súa actividade de I+D constitúan unha referencia no Sistema galego de innovación. Serán de aplicación por un período de dúas anualidades prorrogables a outras dúas, mediante o pagamento anual dunha contía fixa máis outra variable asociada á evolución na xeración de recursos por parte do grupo como un indicador xenérico da súa competencia e capacidade de consolidación. Así, a axuda constará de dous módulos, un fixo, por importe de 50.000 euros anuais; e outro variable, acumulable ao anterior, en función dos ingresos anuais medios do grupo nos tres exercicios anteriores á concesión, e que será de entre 20.000 e 50.000 euros ao ano.

No caso dos grupos con potencial de crecemento (GPC), a convocatoria diríxese á consolidación de grupos de investigación do SUG que pola súa produción científica e a súa actividade de I+D amosan potencial de crecemento ata converterse en grupos de referencia do SUG. As axudas serán de aplicación por un período de dous anos (3 anualidades), mediante o pagamento anual dunha contía fixa de 35.000 euros.

No referido ás redes de investigación apoiaranse grupos que promoven o desenvolvemento dun plan de actuacións en rede que permita conformar novas capacidades científicas e abordar con maior efectividade novos obxectivos en investigación. A bolsa consistirá nunha contía fixa anual de 60.000 euros, de aplicación por un período de dous anos.

Menús News node R

Colectivo

Tema

Ensinanza