A Consellería de Cultura e Educación congratúlase polo éxito do ensino galego no II Premio de Alfabetización Audiovisual outorgado polo Ministerio
Os centros premiados son o CEIP A Rúa e os IES Cacheiras e A Sangriña, e ademáis houbo unha mención especial ao IES Antón Fraguas
O galardón ven a recoñecer o traballo dos centros que fomentaron a alfabetización dixital a través de proxectos
Mér, 01/10/2014 - 17:17
Alumnado do CEIP A Rúa
Alumnado do CEIP A Rúa participando no proxecto Cineando Ilusións

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria felicita aos catro centros de ensino galegos que resultaron recoñecidos nos Premios de Alfabetización Audiovisual que concede o Ministerio de Educación, Cultura y Deporte, a través do Instituto de la Cinematografía y de las Artes Audiovisuales (ICAA). Trátase dos CEIP A Rúa (Cangas) e os IES Cacheiras (Teo), A Sangriña (A Guarda) e o Antón Fraguas (Santiago).

O premio á Alfabetización Audiovisual, dotado con 3.000 euros, distingue aos centros de ensino que fomenten esta materia a través do desenvolvemento de proxectos que se materialicen na implantación de experiencias educativas, actividades complementarias, materiais curriculares e de apoio, así como todos os traballos innovadores que contribúen a achegar o audiovisual ao alumnado.

A Consellería aplaude este novo recoñecemento ao esforzo dos estudantes e ao sistema educativo da comunidade, que constata o boa saúde do mesmo en Galicia. Este galardón engádese aos numerosos recoñecementos que se están a recibir tanto en premios relativos ao esforzo e traballo dos estudantes como o labor desenvolvido desde Cultura e Educación a través dos bos resultados obtidos en informes como o PISA.

Os premiados

O xurado outorgou este premio na categoría de Primaria, ao CEIP A Rúa, de Cangas, polo proxecto “Cineando Ilusiones”, do que se destacou “o traballo sobre a memoria dun espazo e a súa pegada nas xentes que o habitaron, contado cunha linguaxe absolutamente cinematográfica”.

No nivel de secundaria premiouse o traballo de “Persoas”, presentado polo IES de Cacheiras, no concello de Teo, polo “seu carácter pedagóxico e a gradación paso a paso do traballo en equipo, valorando positivamente o seu carácter ambicioso”. Ademais concedeuse un premio adicional ao IES A Sangriña, de A Guarda, polo seu traballo “Proxecto Socheo”, que recupera “a memoria audiovisual dun lugar, dun barrio e un oficio a través de métodos tan simples como efectivos e cinematográficos”. Nesta categoría tamén se fixo unha mención especial ao traballo “Fraguando a diversidade”, presentado polo IES Antón Fraguas, de Santiago.