O conselleiro de Educación comprobou as instalacións do novo CEIP Ramón Cabanillas, en Santiago de Compostela

Xesús Vázquez Abad visitou o novo centro educativo, cuxas obras tiveron un custe de 4,5 millóns de euros, e que dará cabida de 450 estudantes

Xov, 19/08/2010 - 12:38
Xesús Vázquez durante a visita ás instalacións do novo CEIP
Xesús Vázquez durante a visita ás instalacións do novo CEIP

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, visitou hoxe pola mañá o novo CEIP Ramón Cabanillas, en Santiago de Compostela, que contou cun investimento de preto de 4,5 millóns de euros. Posteriormente estivo no IES Rosalía de Castro onde comprobou a evolución das obras de reforma no instituto que no curso 2010-2011 se estreará como centro plurilingüe.

Deste xeito, hoxe a primeira hora da mañá, Vázquez Abad e o secretario xeral da Consellería de Educación, Jesús Oitavén Barcala, reuníronse coa xefa territorial de Educación na provincia, María Teresa Villaverde Pais; a alcaldesa en funcións do Concello de Santiago, Mar Martín; a concelleira de Educación de Santiago, Mercedes Rosón; e a directora do centro escolar, María Dolores Domínguez Díaz; para percorrer as novas instalacións do CEIP Ramón Cabanillas.

A escola unificará aos alumnos e alumnas que ata agora estaban estudando no antigo CEIP Ramón Cabanillas e no CEIP Colexiata do Sar. O edificio, situado en Pontepedriña, terá tres plantas, que estarán divididas dun semisoto, primeiro e segundo andar, e no que haberá seis unidades destinadas aos 150 alumnos de infantil, e doce para os 300 nenos e nenas de primaria. Os estudantes contarán cunha pista polideportiva cuberta e outra descuberta, comedor, biblioteca, aula de informática e aparcamento, todo isto nun espazo de máis de 3.500 metros cadrados.

Durante a súa visita o conselleiro recordou o esforzo que a Administración galega está a facer para manter o benestar da comunidade escolar, “especialmente nestes tempos de crise, nos que só unha xestión eficiente dos recursos públicos pode conseguir sacar adiante os obxectivos sociais da cidadanía, como é o de mellorar o sistema educativo”.

Plurilingüísmo no IES Rosalía de Castro

Posteriormente Vázquez Abad, xunto ao secretario xeral da Consellería, e a xefa territorial de Educación, visitaron as instalacións do IES Rosalía de Castro. Acompañados polo director do centro, Ubaldo Rueda, percorreron o edificio que a partir do curso que vén serán un dos centros plurilingües galegos dentro dun proxecto que comeza a funcionar no curso 2010-2011 e que ata o momento xa ten máis de vinte solicitudes de centros públicos.

Durante a visita ao IES Rosalía de Castro o conselleiro comprobou a evolución das obras de remodelación da fachada, así como a reparación que se está a realizar nos teitos das aulas. Cómpre recordar que estás obras de remodelación engádense ás rematadas hai seis meses, e que afectaron a unha aula de 2º de bacharelato, outra de 4º de ESO e a de plástica, empregada por todos os estudantes. Estes espazos foron reformados para que recuperasen o seu esplendor orixinal. Deste modo pódense ver as vigas de preto de 400 anos, pintadas de branco, do mesmo modo que se encontraban no seus principios.

Con esta obra continúase co traballo iniciado no 2009, cando se rehabilitou o claustro e o artesoado orixinal deste edificio, que data do 1629. Trátase dunha construción cadrada desenvolvida en plantas baixa e alta. Ata o momento xa está investido preto do 75% do orzamento previsto para a execución do plan director no IES Rosalía de Castro, cuxo total ascende a 785.333 euros.

Compromiso coa educación

Durante os dous percorridos o conselleiro comprobou o resultado dos traballos de edificación e de mellora nestes centros. Ademais, Vázquez Abad explicou que estas actuacións son unha mostra máis do compromiso da Xunta cos colexios e institutos galegos, o que redunda nunha maior calidade do ensino na Comunidade. Para isto, a Consellería destinou xa neste ano 2010 máis de 26 millóns de euros á mellora dos centros escolares da provincia coruñesa.

Coa actividade desenvolvida no día de hoxe o conselleiro continúa coas visitas que comezou o pasado mes de xullo, que o están a levar a colexios e institutos das catro provincias galegas, e que lle permiten manter conversas cos representantes da Xunta, equipos técnicos e equipos directivos académicos para coñecer as necesidades dos centros educativos de cara ao vindeiro curso.

Declaracións do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez (1)

Declaracións do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez (2)