A Consellería de Cultura e Educación lamenta a actitude do IES da Pobra ao tentar poñer os seus intereses por riba dos de outros centros educativos
O centro dispuxo este ano de 210.000 euros entre gastos de funcionamento e remanente, cos que podería ter realizado o pintado
A Consellería acordara coa dirección do centro e co Concello realizar no Nadal as obras neste instituto
Ven, 19/09/2014 - 16:35
IES da Pobra do Caramiñal
IES da Pobra do Caramiñal

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria lamenta a actitude manifestada polo IES da Pobra do Caramiñal ao intentar poñer os seus intereses por riba dos demais centros educativos. Así, non se comprenden as esixencias que se están a facer desde este centro, tendo en conta que o xefe territorial da Consellería na Coruña, Indalecio Cabana, o director do centro e o alcalde da Pobra acordaran desenvolver as obras no Nadal, un acordo que – no seu momento- o director do IES agradeceu tanto á Consellería como ao Concello, considerándoo moi positivo.

Cómpre sinalar, neste sentido, que o departamento educativo da Xunta de Galicia estivo este verán a realizar melloras en outros centros educativos, máis prioritarias para o inicio do curso escolar; tras o que agora se comezarán a cubrir outras necesidades, como é o caso deste IES.

Cómpre sinalar, así mesmo que o IES contou este ano cun presuposto de 210.000 euros, entre gastos de funcionamento e remanente, co que poderían realizar algunhas melloras de consideralas imprescindibles para iniciar as clases malia que as valoracións da Unidade Técnica da Xefatura Territorial da Consellería na Coruña non indican que así o sexan. Ademais, segundo puido comprobar o propio xefe territorial na súa visita ao centro, trátase fundamentalmente de danos ocasionados pola falta de mantemento, “polo que non é lóxico atendelas antes que outras ás que foi necesario dar resposta por mor dos fenómenos meteorolóxicos, por exemplo, que supuxeron un importante esforzo inversor por parte da Consellería nos últimos meses”, indicou o xefe territorial, Indalecio Cabana.

Así as cousas, a Consellería chama á responsabilidade á comunidade escolar do IES, tanto como forma de respecto ao resto de centros educativos como lembrando que a Consellería xa se comprometera a atender as súas necesidades. A este respecto o departamento educativo da Xunta de Galicia entende que a utilización da imaxe dalgunhas alumnas e alumnos pintando as paredes do centro non supón beneficio algún para os menores nin para o propio instituto, senón unha clara instrumentalización política dun asunto que debería quedar estritamente no eido administrativo educativo.