A Secretaría Xeral da Consellería de Educación inviste case nove millóns nas obras de acondicionamento de escolas e institutos da Coruña

Iniciouse a construción de dous novos centros na provincia cun orzamento de máis de 3 millóns de euros
Ven, 13/08/2010 - 10:45

A Secretaría Xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria investirá ao longo de 2010 case nove millóns de euros nas obras de mellora de recintos educativos da provincia da Coruña.

A Consellería cumpre así co seu compromiso de dotar aos centros de ensinanza pública galega das mellores instalacións, como así está a demostrar coa construción de dous novos centros de educación primaria na provincia da Coruña no presente ano.

Obras en execución

Actualmente estase a realizar o acondicionamento exterior e do patio do CEIP Emilia Pardo Bazán, e a reforma dos talleres do CIFP Someso da Coruña. Tamén  se desenvolven obras no CPI O Feal, en Narón; e no CIFP Politécnico estase a remodelar a fachada do IES Rosalía de Castro, de Santiago de Compostela.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria inviste un total de 1.298.191 euros na realización destas obras, actualmente en execución, e que responden á necesidade garantir a seguridade de todos os membros da comunidade educativa que non compartirán espazo con elementos de construción, ferramentas e o material preciso para desenvolver o traballo. Ademais, os traballos non interrompen o funcionamento normal do centro en período lectivo.

Cabe destacar a finalización do CEIP Ramón Cabanillas de Santiago de Compostela cunha anualidade de 2.762.241 euros e un cómputo total de 4.494.543 euros.

Obras rematadas

Con este compromiso, as obras finalizaron xa nos CEIP San Marcos, de Abegondo; CEIP de Ventín, en Ames; CEIP de Presaras-Vilasantar, en Betanzos; CEIP Cespón e IES A Cachada, en Boiro; no IES de Brión; o CEIP de Teixeiro e o IES en Curtis; CEIP Centineiras, en Fene; IES de Melide; CEIP Virxe do Mar e CRA Domirón, en Narón; CEIP de Oza dos Ríos; CPI Salustiano Rey Eiras, na Pobra do Caramiñal; e CEIP Couceiro Freijomil, en Pontedeume. 

Ademais cómpre destacar a finalización das obras do novo CEIP de Arteixo cun orzamento de 99.338 euros neste exercicio e un total de obra de 4.252.195 euros.

Tamén se melloraron as instalacións do IES Eusebio da Garda, e o Conservatorio de Música e a Escola Oficial de Idiomas da Coruña; o IES Rosalía de Castro, o CEIP Cardeal Quiroga Palacios, o CEE López Navalón, o CEE A Barca, IES Monte Conxo, o IES Lamas de Abade e a Escola de Idiomas de Santiago de Compostela cun custe de máis de 1.200.000 euros.

Próximas melloras

Por outra banda, está prevista a construción do IES de Milladoiro, en Ames, que conta cun presuposto de 2.198.353 euros para este ano 2010, e o CEIP  de Oroso con máis de 90.000 euros. Por outra banda, realizaranse melloras nas instalacións do CEIP Wenceslao Fernández Flórez, de Cambre; o CEIP Bergantiños, en Carballo; o CEIP Zalaeta, na Coruña; o CEIP Os Muíños, en Muxía; e no CEIP Igrexa-Calo, en Teo, traballos cuxo importe ascende a máis de tres millóns e medio de euros.

As actuacións enmárcanse dentro dos orzamento de máis de trinta e tres millóns de euros que a Consellería de Educación destina aos labores de obra dos centros de ensinanza pública das catro provincias galegas. A estas obras executadas directamente pola Secretaría Xeral da Consellería, hai que engadir as dotacións orzamentarias existentes na Xefatura Territorial de Educación da Coruña, que incrementan o esforzo de investimento. Deste modo, a Xunta reafirma o seu compromiso de dotar á comunidade escolar das mellores infraestruturas para o goce de toda a comunidade educativa.