A Secretaría Xeral de Política Lingüística oferta 185 cursos preparatorios para obter o certificado de lingua galega

O manual 'Aula de galego 2: libro do profesor', unha ferramenta específica para os profesionais que imparten os cursos do Celga 2, xa está dispoñible na web de Política Lingüística

Lun, 11/01/2010 - 09:14
Aula de galego 2
Aula de galego 2

A Secretaría Xeral de Política Lingüística convoca para este ano un total de 185 cursos de lingua galega preparatorios para as probas dos niveis 1, 2, 3 e 4 do Certificado de lingua galega (Celga). A convocatoria, publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia, vai dirixida a particulares (adultos), colectivos, entidades e/ou organizacións que conten cun mínimo de 25 persoas preinscritas para asistir aos cursos.

Os cursos, que terán unha duración de 75 horas lectivas, realizaranse nas localidades da Coruña, Santiago de Compostela, Pontevedra, Vigo, Ourense, Ferrol, Lugo, Betanzos, Ribadeo, Monforte, O Barco de Valdeorras, O Carballiño, Verín, Vilalba e Culleredo, e mais naqueles concellos que determine a Secretaría Xeral de Política Lingüística, segundo as solicitudes presentadas e a distribución xeográfica destas.

Contido dos cursos e prazos de solicitude

O contido dos cursos axústase aos obxectivos, ao programa e mais ao contido curricular establecidos para cada un dos catro niveis Celga. Os prazos de presentación das solicitudes para asistir a estas actividades formativas varía en función do inicio de cada unha das quendas de programación dos cursos. Así, as persoas que desexen participar nos cursos programados entre os meses de marzo e xuño poderán inscribirse ata o 10 de febreiro. Aqueles que estean interesados en realizar os cursos nos meses de xullo e agosto terán de prazo ata o día 21 de xuño, mentres que os que queiran facelo en setembro, outubro e novembro poderán inscribirse ata o 10 de setembro. No caso dos colectivos, entidades e/ou organizacións que pretendan organizar cursos entre os meses de abril e novembro deste ano poderán presentar as súas solicitudes ata o próximo día 27 de febreiro.

Probas Celga

Para obter a acreditación do nivel de coñecemento e dominio da lingua galega, as persoas interesadas terán que realizar as probas Celga correspondentes, que se desenvolverán nos meses de maio e novembro. A inscrición para realizar os ditos exames, que son independentes dos cursos, rematará o 25 de marzo de 2010 para a convocatoria de maio e o 7 de outubro, para as probas do mes de novembro.

Novos materias para os cursos Celga

O Aula de galego 2: libro do profesor, un manual de traballo específico para o persoal que imparte os cursos do Celga 2, xa está dispoñible na web de Política Lingüística, a través do enderezo http://www.xunta.es/linguagalega/aula_de_galego_2. Ademais, o departamento que dirixe Anxo Lorenzo completou recentemente a colección Aula de Galego, un conxunto de catro manuais cos que a secretaría xeral pretende facilitarlles a aprendizaxe deste idioma ás persoas que queren obter o Certificado de lingua galega.

Asegurar unha boa capacitación en galego

A organización destes 185 cursos de galego, así como a oferta de novos materiais didácticos insírense dentro dun dos obxectivos prioritarios do departamento que dirixe Anxo Lorenzo: desenvolver actividades formativas que aseguren unha boa capacitación lingüística en galego, así como fornecer ferramentas e materias de utilidade para mellorar o coñecemento desta lingua.

Menús News node R