Política Lingüística promove o uso do galego entre os máis novos a través das mellores series de banda deseñada

Anxo Lorenzo presentou en Viñetas desde o Atlántico a segunda tempada do cómic Galimatías, de El Patito Editorial

Mér, 11/08/2010 - 12:43
O secretario xeral de Política Lingüística en Viñetas do Atlántico
O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, en Viñetas desde o Atlántico

O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, presentou hoxe a nova tempada da revista de historieta galega Galimatías, de El Patito Editorial, a través da que este departamento busca promover o uso do galego nas franxas de idade máis novas. O acto, no que tamén participaron o debuxante Carlos Portela e a editora de El Patito Editorial Gemma Sesar, tivo lugar no Kiosko Alfonso da Coruña, dentro da programación de Viñetas desde o Atlántico.

Achegarlles o galego aos máis novos a través da banda deseñada

Galimatías naceu no ano 2009 como unha revista de historieta galega dentro do proxecto Bocaberta, o programa de dinamización lingüística da secretaría xeral dirixido aos rapaces e rapazas de entre 3 e 18 anos.

Malia que a presentación oficial da nova edición de Bocaberta se fará nas próximas semanas, a Secretaría Xeral de Política Lingüística quixo aproveitar unha cita tan importante para o cómic como é Viñetas desde o Atlántico para facer un avance do que será a nova tempada de Galimatías, por tratarse dun “escenario inmellorable” para dar a coñecer as novas series da revista, explicou Anxo Lorenzo.

Durante a presentación, o secretario xeral salientou que “Política Lingüística aposta pola calidade e o éxito de Galimatías, pero sobre todo pola súa contribución á promoción do uso do galego entre os máis novos e á presenza desta lingua no ámbito da banda deseñada, por iso quixemos darlle continuidade dentro da nova edición de Bocaberta”.

Durante a primeira tempada de Galimatías, saíron á rúa un total de 20 números e máis de trescentas páxinas de series descoñecidas para o público galego, dos mellores debuxantes do mundo. Para a segunda tempada, cunha tiraxe de 30.000 exemplares, a revista contará cun blogue, un espazo aberto a todo o que acontece no mundo do cómic en Galicia e fóra das nosas fronteiras a través do que os lectores tamén poderán acceder á versión en pdf da revista.

Múltiples actividades de dinamización lingüística na nova edición de Bocaberta

O programa de dinamización lingüística Bocaberta constitúe unha das grandes apostas de Política Lingüística para promover o uso do galego entre os máis novos.

Durante o 2009, o proxecto chegou a medio millón de mozos e mozas, a través dun total de 970 actividades levadas a cabo en 265 concellos de toda Galicia por profesionais pertencentes ao mundo da música, do teatro, do cómic, da literatura etc.

Nas próximas semanas, o departamento que dirixe Anxo Lorenzo presentará as novidades, as múltiples actividades e o calendario completo do programa Bocaberta 2010/2011, que se desenvolverá desde o próximo mes de outubro ata maio do ano que vén.

Menús News node R