Vázquez Abad nega “improvisación” na implantación do decreto de primaria, un texto sometido a información pública, que pasou os trámites preceptivos e de cuxo contido se informou á comunidade educativa

O conselleiro de Cultura e Educación asegurou no Parlamento que a implantación da Lomce reportará a Galicia uns investimentos de 55 millóns de euros en catro anos, ao tempo que supón “unha oportunidade” para actualizar e adaptar ao século XXI o actual sistema educativo

Segundo dixo, a educación en Galicia “goza de mellor saúde que hai 5 anos” cun ensino público con máis colexios pluriligües, máis oferta e máis matriculación en FP e con mellores ratios de resultados en todos os indicadores

Mér, 10/09/2014 - 19:11

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, negou hoxe no Parlamento calquera tipo de “improvisación” na elaboración do Decreto de Educación Primaria para a implantación da Lomce en Galicia, un proceso que se iniciou o pasado 21 de maio coa exposición pública do texto e, polo tanto, a disposición do conxunto da cidadanía e de toda a comunidade educativa. A maiores, o texto foi elevado á Mesa Sectorial de Persoal Docente e ao Consello Escolar de Galicia, e pasou todos os trámites preceptivos -incluído o ditame do Consello Consultivo de Galicia-. É dicir, que “as clases comezan cos decretos autonómicos de Educación Primaria e de FP Básica aprobados e coñecidos” e que xa en agosto se publicaron sendas ordes “como mostra de transparencia e para axudar a docentes e equipos directivos na súa aplicación”, abondou o conselleiro.

Vázquez Abad reiterou que o Goberno galego está a actuar con responsabilidade e con lealdade institucional na aplicación da Lomce en Galicia xa que, segundo lembrou, trátase dunha lei básica “que é de obrigado cumprimento para todas as Comunidades Autónomas”. Polo tanto a Consellería centrará os seus esforzos en que a implantación da nova lei educativa se faga “con realismo e eficiencia” e “acorde ás necesidades educativas dos nosos rapaces e rapazas” recalcou o conselleiro durante a súa intervención no pleno da Cámara autonómica.

Fronte aos que critican a lei, Vázquez Abad considera que este novo marco normativo supón “unha oportunidade para o conxunto do sistema educativo” na medida en que permite actualizalo e adaptalo ás necesidades do século XXI. Ademais, a súa aplicación leva aparellado un investimento de máis de 964 millóns de euros para o conxunto do Estado nun período de catro anos, dos que a Galicia correspóndenlle algo máis de 55 millóns de euros.

Cadro de profesorado

No que atinxe ao número de docentes, Vázquez Abad insistiu en que as necesidades de persoal do sistema educativo de Galicia están totalmente cubertas cun cadro de profesorado similar ao do curso pasado, e que a Consellería “respecta o Catálogo de Postos fixado en 2007 polo Bipartito”.

Non obstante, o conselleiro considera que a progresiva implantación da Lomce implica “un necesario aumento do cadro de docentes” e, neste senso, a Consellería “estará vixiante e esixente respecto da asignación de recursos para o ensino galego”, incluída a demanda de incrementar nun 50 por cento a taxa de reposición do profesorado.

Xesús Vázquez Abad aproveitou a súa intervención no Parlamento para poñer en valor o traballo do profesorado e o “importante papel” que desempeñan como “axentes activos, participativos e innovadores da vida do seu alumnado”. A este respecto subliñou a “positiva receptividade” deste colectivo á hora de poñer en marcha proxectos innovadores como foi o seu día o Abalar, a rede de centros plurilingües, os contratos-programa, ou o E-Dixgal.

Unha reforma necesaria

Os datos revelan que España -pese a destinar un 15 por cento máis de investimento en educación que a media da OCDE- presenta cifras de abandono escolar, de paro xuvenil e de resultados escolares que están moi por debaixo. Isto, segundo Vázquez Abad, corrobora que os recursos “son importantes”, pero non suficientes para afrontar as necesidades educativas actuais. De aí que defenda a necesidade dunha norma como a que agora entra en vigor, xa que propón un sistema educativo flexible, garante unha educación pública e de calidade, reforza a coordinación entre Estado e Comunidades Autónomas, pon en valor a cultura do esforzo, e implanta a Formación Profesional Básica, entre outros.

Por contra, “non facer nada por combater o fracaso escolar, non facer nada por mellorar as competencias formativas da nosa mocidade, non facer nada pola potenciación da FP, tivo no pasado e tería no futuro consecuencias negativas e custes económicos e sociais elevados”, reiterou Vázquez Abad.

Investimentos

Na súa aposta por un ensino público e de calidade, cómpre lembrar que Cultura e Educación leva investidos máis de 105 millóns de euros en obras de nova construción e RAM (de reforma, ampliación e mellora), aos que hai que engadir outros preto de 74 millóns para obra nova e ampliación en 31 centros educativos. Ademais, no que vai de ano, destináronse 5,1 millóns a equipamento en centros (dos que máis de 3,7 foron para material informático).

Segundo Vázquez Abad, estes datos avalan “o esforzo” e o “traballo” levado a cabo para que o alumnado dos centros públicos dispoñan de infraestruturas educativas, e recursos didácticos e informáticos que gobernos anteriores non foron quen de levar a cabo pese a dispoñer de fondos para facelo . En definitiva, a educación en Galicia “goza de mellor saúde que hai 5 anos, cun ensino público con máis colexios plurilingües, máis oferta e máis matriculación en FP e con mellores indicadores en resultados”, sentenciou o conselleiro.