As empresas xornalísticas poden solicitar ata o venres as axudas para as publicacións periódicas escritas en galego

A convocatoria de subvencións ten por obxecto a expansión e difusión desta lingua nos medios de comunicación
Lun, 09/08/2010 - 12:54

As empresas xornalísticas que realicen publicacións periódicas integramente en lingua galega poden solicitar ata o próximo venres as axudas convocadas o pasado 13 de xullo no Diario Oficial de Galicia. Estas subvencións, que ascenden a 63.566 euros, teñen por obxecto a expansión e promoción do uso do galego nos medios de comunicación e están dirixidas a aquelas empresas xornalísticas radicadas en Galicia que durante o 2009 difundisen as súas publicacións periódicas integramente nesta lingua.

Características das publicacións

Para poderen optar a estas axudas, as publicacións deben reunir as seguintes condicións. En primeiro lugar, é necesario que estean escritas integramente en galego conforme a normativa oficial vixente. En segundo lugar, deben publicarse periodicamente e contar cun mínimo de doce números durante o ano 2009. En terceiro lugar, teñen que ter un mínimo de 20 páxinas en formato DIN A-3 ou de 26 páxinas en formato DIN A-4 (ou equivalente noutros formatos) e deben incluír o pé de imprenta con todos os datos que estableza a lexislación vixente. Finalmente, para recibiren estas axudas, as publicacións non deben distribuírse como suplementos nin de forma conxunta con outra publicación.

Afianzar a presenza do galego nos medios de comunicación

As publicacións periódicas escritas integramente en galego teñen unha importante incidencia na presenza desta lingua nos medios de comunicación. Consciente disto, a Secretaría Xeral de Política Lingüística realiza un importante esforzo para afianzar o uso do galego neste ámbito, así como para aproveitar esta canle de chagada masiva á cidadanía.

A través da Secretaría Xeral de Medios, convócanse estas axudas no marco, por unha banda, do Estatuto de Autonomía de Galicia, que establece no seu artigo 5º que a lingua propia de Galicia é o galego e que os poderes públicos potenciarán o seu uso en todos os planos da vida pública, cultural e informativa. Por outra banda, a Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística establece tamén o apoio económico e material para os medios de comunicación que empreguen o galego dun xeito habitual e progresivo. Finalmente, esta convocatoria de subvencións contribúe ao cumprimento da medida do Plan xeral de normalización da lingua galega de aumentar a presenza da lingua galega nos medios de comunicación de masas, nas industrias culturais e na publicidade, de tal xeito que se garanta unha oferta informativa, lúdica, cultural e formativa completa en galego.

Menús News node R