A Consellería de Cultura e Educación participa na presentación da nova temporada do Teatro Principal de Ourense, que ofrece ata decembro 29 actuacións escénicas e musicais

O director da Agadic explicou que dentro da Rede Galega de Teatros e Auditorios achegarán os seus últimos espectáculos Ilmaquinario Teatro, Teatro do Morcego, tanxarina Títeres e Caramuxo Teatro

O escenario ourensán acollerá o 3 de outubro a estrea da produción do Centro Dramático Galego, dependente da Consellería, “As laranxas máis laranxas de todas as laranxas”

Grandes nomes da dirección e a interpretación española, como Miguel del Arco, Juan Carlos Pérez de la Fuente, Daniel Veronese, Nuria Espert, Ana Belén, Clara Lago, Natalia Dicenta ou a bailarina Teresa Nieto están presentes na programación

Mar, 09/09/2014 - 14:10
A Consellería de Cultura e Educación participa na presentación da nova temporada
A Consellería de Cultura e Educación participa na presentación da nova temporada do Teatro Principal de Ourense, que ofrece ata decembro 29 actuacións escénicas e musicais

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria participou hoxe na presentación da nova temporada de programación escénica e musical do Teatro Principal de Ourense, que ofrecerá ata finais de decembro un total de 29 funcións de teatro e danza, ademais de concertos de distintos estilos.

En representación da Consellería, o director da Agadic, Jacobo Sutil, participou hoxe na rolda de prensa sobre a nova carteleira cuadrimestral xunto aos responsables do teatro: a directora, Olga Mojón; e Rosendo Fernández, vicepresidente da Deputación de Ourense.

Sutil referiuse ao calendario de actividade do Teatro Principal como membro da Rede Galega de Teatros e Auditorios (RGTA) e destacou a estreita e continuada colaboración entre Cultura e Educación e o espazo ourensán, ao que cualificou como “centro cultural de referencia incuestionable”. O director da Agadic engadiu que esta dinámica de traballo “contribúe á finalidade común de acadar a máxima difusión das artes escénicas na nosa Comunidade”.

O escenario, membro da RGTA desde 2007, o circuíto para a distribución de espectáculos galegos promovido e cofinanciado pola Xunta de Galicia, programa por esta canle as últimas producións de compañías galegas como Ilmaquinario Teatro, que escenificará a súa montaxe ‘Perplexo’ o 31 de outubro e o 1 de novembro; Teatro do Morcego, que representará ‘Diálogo entre un can e o seu amo’ o 20 de decembro; e as obras para público infantil ‘A casa do avó’, de Tanxarina Títeres; e ‘As fabas máxicas’, de Caramuxo Teatro, que poderán verse os días 28 e 29 de decembro, respectivamente.

Éxitos nacionais

As propostas feitas en Galicia comparten carteleira cunha variada representación de montaxes e artistas de éxito a nivel nacional, como son os casos de ‘Dalí versus Picasso’, producida polo Teatro Español baixo a dirección de Juan Carlos Pérez de la Fuente; ‘La violación de Lucrecia’, protagonizada por Nuria Espert; ‘Kathie y el hipopótamo’, baixo a dirección de Magüi Mira; ‘Teatro para pájaros’, de Histrión Teatro; ‘En un lugar del Quijote’, de Ron Lalá en coprodución co Centro Dramático Nacional, a peza de danza ‘Petí comité’, de Teresa Nieto; o espectáculo de improvisación teatral ‘Jamming’; ou ‘La venus de las pieles’, interpretada por Clara Lago, entre outras.

Estrea ourensá para Carlos Casares

O director da Agadic anunciou tamén que Teatro Principal de Ourense acollerá, así mesmo, a estrea e as funcións previas da primeira produción da temporada do Centro Dramático Galego: o espectáculo realizado a partir da obra de Carlos Casares ‘As laranxas máis laranxas de todas as laranxas’. A nova produción da compañía pública estreará nesta ocasión fóra da súa sede de Santiago de Compostela para levar á cidade das Burgas, tan vinculada co seu autor, esta reposición da montaxe xa realizada en 2004.

Biaxo a dirección escénica do luso-brasileiro José Caldas, dirección musical do galego Bernardo Martínez e interpretación a cargo de Alba Blanco Taín, Alberte Cabarcos, Davide González, Ailén Kendelman Mouzo, Fran Lareu e Laura Villaverde, a peza iniciará en Ourense o seu período de exhibición de dous meses por toda Galicia, coa estrea oficial o 3 de outubro ás 20:30 horas e dous pases previos os días 1 e 2 de outubro para público docente e outros colectivos concertados.

A programación do Teatro Principal de Ourense para os próximos meses complétase con outras citas como os ciclos ‘En clave de cámara’, (dedicado a pequenas formacións de música clásica), ‘Blues no Teatro Principal’, ‘Voces femininas’, unha nova edición do FITO (Festival Internacional de Teatro de Ourense), ou o concerto especial de Nadal que ofrecerá o 23 de decembro a Orquestra Sinfónica Estatal de Chisinau.

Menús News node R

Tema