O conselleiro de Cultura e Educación anuncia un investimento superior aos 300.000 euros para a ampliación do CEIP Monte dos Postes

Vázquez Abad visitou hoxe o centro acompañado polo alcalde de Santiago e polo secretario xeral técnico da Consellería, tras o acordo ao que se chegou a pasada semana en relación ás actuacións de mellora das instalacións

Mar, 09/09/2014 - 13:50
 O conselleiro de Cultura e Educación anuncia un investimento superior aos 300.0
O conselleiro de Cultura e Educación anuncia un investimento superior aos 300.000 euros para a ampliación do CEIP Monte dos Postes

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, anunciou esta mañá que as obras de ampliación do CEIP Monte dos Postes (Santiago de Compostela) ascenderán a máis de 300.000 euros. No marco dunha visita realizada ao centro, na que estivo acompañado polo alcalde, Agustín Hernández, polo secretario xeral técnico da Consellería, Jesús Oitavén, e mais pola e pola concelleira de Servizos Sociais, María José Corral López, o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia lembrou que a reforma das instalacións foi acordada a pasada semana nunha reunión entre cos representantes municipais, na que tamén se pechou a restauración da torre do campanario de San Martiño Pinario. “Deste xeito queda de manifesto o compromiso da Xunta de Galicia con este centro. De feito con estas obras o investimento no CEIP desde 2009 elévase a máis de 475.000 euros, a falta aínda de determinar o alcance orzamentario destes novos traballos”.

Neste sentido Vázquez Abad quixo agradecer a colaboración do Concello tanto neste como nos demais centros escolares compostelás para ter a punto o inicio do curso, realizando en colaboración as diferentes melloras demandadas pola comunidade educativa. No que atinxe á ampliación do Monte dos Postes, o conselleiro sinalou que o obxectivo é que as instalacións estean listas para o curso 2015/2016.

As melloras no CEIP consistirán na creación de 4 aulas novas – dúas en planta baixa e outras dúas no primeiro andar- e na instalación dun ascensor que mellore a accesibilidade ao centro. Estas actuacións completan ás xa realizadas no CEIP polo departamento educativo da Xunta de Galicia, que ascenden a preto de 176.000 euros, grazas ás que se renovou a cuberta, se acondicionou a antiga vivenda do conserxe como comedor -dotando tamén de calefacción a este espazo- e se mellorou o aseo de infantil. A Consellería ten ademais dotado a este colexio, que é plurilingüe, dun auxiliar de conversa e de 4 aulas Abalar.