A Consellería de Cultura e Educación investirá máis de 120.000 euros na renovación da cuberta do CEIP Plurilingüe Vista Alegre, en Burela

O conselleiro visitou hoxe o centro para comprobar o avance das obras, ás que se comprometera no mes de febreiro

Vázquez Abad visitou tamén o CEIP Santa María do Valadouro, onde se está a rematar o cambio da cuberta e se levan investidos preto de 150.000 euros

Lun, 08/09/2014 - 12:54
O conselleiro visitou hoxe o centro para comprobar o avance das obras
O conselleiro visitou hoxe o centro para comprobar o avance das obras

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria investirá máis de 120.000 euros na renovación da cuberta e outras actuacións de mellora e reparación de danos incluído pintado de aulas do CEIP Plurilingüe Vista Alegre, no concello lucense de Burela. Así o salientou hoxe o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia, Xesús Vázquez Abad, durante a visita realizada ao centro para comprobar o avance das obras, ás que se comprometera o pasado mes de febreiro, e que supoñen un importante esforzo económico. Neste sentido o conselleiro aproveitou para transmitir á comunidade escolar que os traballos se van compatibilizar co horario lectivo de tal forma que se poida continuar coas clases con total normalidade, “garantindo ao mesmo tempo total seguridade para alumnado, docentes e persoal do centro, que accederán temporalmente pola entrada posterior do CEIP”, dixo.

Durante o seu percorrido polo centro o conselleiro estivo acompañado polo secretario xeral técnico da consellería Jesús Oitavén Barcala pola delegada da Xunta en Lugo, Raquel Arias; polo alcalde de Burela, José González; e pola directora do centro, Gema Cillero.

Corrección de danos e humidades

A actuación sobre a cuberta, xa iniciada, consiste na corrección dos danos na mesma, substituíndo o material actual por panel sandwich, e instalando elementos de protección nos remates do aleiro do porche na fachada principal. Así mesmo, mudarase a impermeabilización da terraza en planta primeira e realizaranse traballos de limpeza, eliminación de mohos, reparación de revestimentos e pintado de paramentos en aulas, así como de arranxo das humidades provocadas pola instalación de fontanería.

“Deste xeito, elevamos o investimento da Consellería neste centro desde 2009 a máis de 215.000 euros”, sinalou Vázquez Abad, lembrando que en anos anteriores “se realizaron reformas nos aseos de infantil e máis na instalación eléctrica, así como reparacións varias para dar resposta ás demandas da comunidade educativa”. O conselleiro quixo aproveitar a súa visita para felicitar ao centro pola súa implicación nos diferentes programas innovadores que desenvolve o seu departamento. “De feito, contan con 4 aulas Abalar e mais unha aula dixital, participan no Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares e son centro plurilingüe desde o curso 2010/2011, o primeiro de funcionamento deste programa en Galicia”, salientou.

CEIP Santa María do Valadouro

Vázquez Abad visitou tamén esta mañá o CEIP Santa María do Valadouro, onde se está a rematar o cambio da cuberta. “Neste caso –explicou- os traballos consistiron en mudar a tella por unha nova de panel sandwich naqueles módulos nos que se atopaba danada a cubrición, en total preto de 1.000 metros cadrados totalmente novos”.

O conselleiro lembrou ademais que estas obras se suman ás xa realizadas en anos anteriores para a substitución de luminarias, canalóns, baixantes, a cheminea da caldeira e de parte das fiestras do centro. “Falamos, polo tanto, dun investimento total de preto de 150.000 euros, tanto en obras como na implantación do proxecto Abalar en dúas aulas e en axudas para a biblioteca a través do PLAMBE”.

“Con estas actuacións a Xunta de Galicia demostra que está a escoitar á comunidade educativa e que está comprometida coa mellora das instalacións dos centros escolares, que vai executando na medida en que as circunstancias económicas o van permitindo”, sinalou Xesús Vázquez.

Tamén cómpre sinalar que o secretario xeral técnico, Jesús Oitavén e o director xeral de centros e recursos humanos, José Manuel Pinal, reuníronse esta mañá cos alcaldes, o equipo directivo e a ANPA do IES Alfoz de Valadouro, para explicarlles a dotación de profesorado do centro. Ademais o propio conselleiro atendeu ás preguntas dos pais durante a súa visita ao Valadouro.