O conselleiro de Cultura e Educación visitou as obras de restauración da capela de San Cremenzo do Pindo

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de destinar máis de 75.000 euros para o acondicionamento deste singular ben do século XVI

Xov, 21/08/2014 - 15:07
O conselleiro de Cultura e Educación visitou as obras de restauración da capela
O conselleiro de Cultura e Educación visitou as obras de restauración da capela de San Cremenzo do Pindo

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, acompañado pola directora xeral do patrimonio cultural, María del Carmen Martínez Insua, a parlamentaria do grupo popular, Marisol Piñeiro Martínez e o cura da parroquia, Juán Sendón, visitou hoxe as obras de restauración da Igrexa de San Cremenzo do Pindo. A Consellería a través da  nova licitación do expediente de contratación retoma os traballos de restauración pendentes de execución. O investimento é de mais de 75.000 mil euros e o prazo de execución cifrouse en tres meses.

Alcance dos traballos

Os principais traballos realizados no templo de San Cremenzo foron o repaso do repicado realizado previamente e a limpeza de xuntas ao igual que a execución de novos encintados nos parámetros interiores e exteriores; a apertura dun oco cegado na fachada posterior; a realización de revocos nos parámetros interiores; as reparacións puntuais de fendas e roturas nas fábricas murarias interiores e a aplicación de auga cal cunha cor similar ao existente.

Ademais estase a reparar o pavimento interior, ao tempo que se está a fabricar o coro de madeira, de acordo coas pegadas do primitivo existentes nos muros. A nova carpintería afecta á porta principal, ás ventás do coro e das escaleiras; e á ventá do oco cegado que se abrirá con esta intervención.

A capela contará tamén cunha nova instalación eléctrica, racionalizando a existente e dotándoa dunha instalación mínima de iluminación. Tamén se está a construír unha nova sancristía baixo o coro para proporcionar máis espazo para a Igrexa. Para rematar, estase a urbanizar o espazo situado fronte á igrexa, onde se inclúe nova pavimentación e mobiliario urbano.

Unha igrexa que ten as súas orixes no século XVII

Esta construción relixiosa está formada por unha planta rectangular dunha soa nave e divídese en tres treitos por dous arcos de medio punto que descansan sobre pilastras. Deste xeito, os treitos inicial e final cóbrense con bóveda de canón mentres que no central atopase unha bóveda de aresta. É dende aquí desde onde se accede á igrexa actual. Entre os elementos ornamentais cabe destacar o altar labrado en cantería polo escultor Antonio del Río en 1795.

No exterior tan só podemos apreciar a fachada principal, que primitivamente era simétrica, e atópase presidida por un campanario. O fronte desenvólvese en planta cadrada conformando unha peana dende a que crecen os catro machóns que forman o corpo das campás; remata de forma piramidal con pináculos sobre a cornixa.

O resto da fachada ten unha factura sinxela, cunha pequena xanela e unha porta con pequenas molduras. A ampliación redúcese a un corpo de planta case cadrada dividido en dous por un arco con contrafortes no exterior. Para rematar, os muros son de cachotería e de cantería en ocos e aresta, sendo a cuberta a dúas augas.

Clemente Riveiro Fernández puxo a igrexa baixo advocación de San Cremenzo e San Bernardo.