A Consellería de Cultura e Educación leva ‘Danza 3’ ás rúas de Noia e Xove da man de Xacarandaina

A nova edición deste programa de difusión do baile e a música tradicionais continúa durante a fin de semana coas actuacións da agrupación coruñesa este sábado 23 en Noia e o domingo 24 en Xove

O Fiadeiro e Cantigas e Agarimos participan tamén neste ciclo que, baixo o lema ‘Folclore na rúa’, desenvolverá un total de nove representacións especiais noutras tantas localidades ata primeiros de outubro

Xov, 21/08/2014 - 12:11
A Consellería de Cultura e Educación leva ‘Danza 3’ ás rúas de Noia e Xove
A Consellería de Cultura e Educación leva ‘Danza 3’ ás rúas de Noia e Xove da man de Xacarandaina

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria propón para esta fin de semana dúas novas citas do programa ‘Danza 3. Folclore na rúa’, que terán lugar na tarde do sábado 23 en Noia e na do domingo 24 en Xove da man de Xacarandaina. A agrupación coruñesa protagoniza xunto a Cantigas e Agarimos de Santiago de Compostela e O Fiadeiro de Vigo este ciclo para a difusión do baile e a música tradicionais, que desenvolverá un total de nove actuacións especiais noutras tantas localidades galegas ata primeiros de outubro.

No caso das representacións desta fin de semana, os músicos, cantareiras e bailaríns de Xacarandaina ofrecerán cadanseu pasarrúas polo centro de Noia e de Xove para compartir cos cidadáns e visitantes de ambas as localidades unha selección do seu amplo repertorio, froito do labor de investigación e de recollida que o grupo leva a cabo desde hai décadas por toda Galicia.

Espectáculos espontáneos e únicos

O obxectivo desta programación –para a que se conta tamén coa colaboración dos concellos que acollen as representacións– é transmitirlle á sociedade a esencia e a riqueza das nosas danzas, así como das músicas que as acompañan e do vestiario co que se poñen en escena. Con esta finalidade, as agrupacións participantes exhiben a pé de rúa unha proposta artística específica para cada espazo, a través da que se busca implicar o público e conseguir un espectáculo único, espontáneo e persoal.

Contribúese, deste xeito, á divulgación dunha parte esencial da cultura de Galicia e do seu patrimonio inmaterial, tarefa na que estas tres formacións veñen traballando intensamente desde a súa fundación. De feito, e unidas como colectivo baixo as siglas XOC, Xacarandaina, O Fiadeiro e Cantigas e Agarimos son as impulsoras da proposta para lle solicitar á Unesco a declaración do baile galego como Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade.

Cada un destes grupos ofrecerá un total de tres funcións no marco desta nova edición da iniciativa, que deu comezo o pasado domingo 17 coa posta en escena do espectáculo do Fiadeiro na Praza Maior de Celanova. As próximas actuacións terán lugar o sábado 30 de agosto en Rianxo con Cantigas e Agarimos e en Sada con Xacarandaina.