A Consellería de Cultura e Educación amplía programa de fomento do emprendemento entre o alumnado ‘Atrévete’ a centros educativos de toda Galicia

Tras as exitosas experiencias desenvolvidas en Santiago e Ourense en colaboración coas asociacións de empresarios, ábrese agora o prazo para que todos os centros da Comunidade Autónoma que impartan 6º de Primaria e 2º de ESO

Ven, 01/08/2014 - 14:10
 A Consellería de Cultura e Educación amplía programa de fomento do emprendement
A Consellería de Cultura e Educación amplía programa de fomento do emprendemento entre o alumnado ‘Atrévete’ a centros educativos de toda Galicia

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria estenderá o vindeiro curso a toda Galicia o programa ‘Atrévete’, que se desenvolve no marco do Plan de emprendemento no sistema educativo de Galicia, Eduemprende. Tras as exitosas experiencias desenvolvidas en Santiago e Ourense en colaboración coas asociacións de empresarios, o departamento educativo da Xunta de Galicia decidiu abrir a todos os centros sostidos con fondos públicos que impartan 6º de Primaria e 2º de ESO na Comunidade Autónoma a posibilidade de inscribirse nesta iniciativa, que ten como obxectivo fomentar, motivar e sensibilizar ao alumnado no espírito emprendedor.

Para iso, facilitarase que o alumnado participante coñeza o tecido industrial da súa contorna a través de visitas dos grupos de 2º da ESO ás empresas das diferentes asociacións empresariais colaboradoras no programa, en concreto a do Polígono de Sabón-Arteixo (A Coruña), a de Ferrolterra (Ferrol), a do Tambre (Santiago de Compostela), a do Ceao (Lugo), a de San Cibrao (Ourense), e a do Polígono das Gándaras (O Porriño). Os percorridos polas compañías ocmpletaranse cunha reunión cunha persoa emprendedora na sede de cada unha das devanditas asociacións.

No caso dos estudantes de 6º de Primaria o programa contempla o desenvolvemento de actividades nos Centros Integrados de Formación Profesional nas que terán a oportunidades de achegarse ás experiencias emprendedoras das súas respectivas comarcas da man de empresarios da zona, así como de percorrer os propios CIFP e coñecer as ensinanzas que neles se imparten e as iniciativas de emprendemento que nacen nos seus viveiros de empresa. Segundo as previsións iniciais implicaranse neste calendario de actividades os CIFP Someso (A coruña), Ferrolterra (Ferrol), Politécnico de Santiago, Politécnico de Lugo, A Farixa (Ourense) e Manuel Antonio (Vigo).

O programa complétase, un ano máis, con concurso ‘Atrévete a ter unha idea’, no que as alumnas e alumnos participantes deberán propoñer unha idea de negocio e redactala en, como máximo dous folios. Haberá un premio para 6º de Primaria e outro para 2º de ESO, que consistirá nun ebook.

Nas pasadas edicións de ‘Atrévete Ourense’ e ‘Atrévete Santiago’ participaron máis de 1.000 estudantes que, guiados pola imprescindible axuda dos seus profesores, descubriron os beneficios de procurar a innovación como forma, tanto de mellorar a súa propia empregabilidade, como de facer avanzar o tecido produtivo galego.