A Consellería de Cultura e Educación aplicará a resolución inicial do concurso de traslados ata que a sentenza ao respecto sexa firme
Xov, 31/07/2014 - 19:03
O director xeral de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal, explicou esta
O director xeral de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal, explicou esta tarde en rolda de prensa que as persoas que participaran no concurso de traslados convocado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria deberán tomar posesión – o vindeiro 1 de setembro- dos destinos definitivos que lle foron adxudicados na resolución do 1 de abril de 2014

O director xeral de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal, explicou esta tarde en rolda de prensa que as persoas que participaran no concurso de traslados convocado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria deberán tomar posesión – o vindeiro 1 de setembro- dos destinos definitivos que lle foron adxudicados na resolución do 1 de abril de 2014. Deste xeito, a Consellería aplica a resolución inicial do concurso mentres non sexa executiva a sentenza que anulaba parcialmente a Orde de 16 de outubro de 2013 que o convocaba.

Neste sentido cómpre sinalar que foron varios os recursos presentados polos docentes afectados, así como unha petición de execución provisional da sentenza. Malia que algún dos afectados solicitou que se declarase o mes de agosto hábil, o xuíz decidiu denegar esta solicitude, polo que a inicios de setembro aínda estaría en vigor o período de alegacións á solicitude de execución provisional. Isto implica, ademais, que a sentenza que anulaba parcialmente a orde non será firme nesa data, a tan só uns días do inicio do curso, polo que a orde impugnada non estaría aínda expulsada do ordenamento xurídico e continúa vinculando á Consellería. “Nesa tesitura resulta totalmente inviable iniciar un proceso non só de rebaremación que, por certo, xa tiña preparada esta Consellería, senón tamén de nova adxudicación de destinos provisionais a interinos, etc”, indicou o representante do departamento educativo da Xunta.

O director xeral lembrou que o seu departamento anunciara no seu día a súa intención de non recorrer as sentenzas, “pero non pode impedir, loxicamente, que outras persoas interesadas si o fagan e impidan que aquelas sexan firmes e, consecuentemente, que se proceda á súa execución definitiva”. “A opinión pública – engadiu- debe saber que a Consellería está imposibilitada de tomar calquera outro tipo de decisión a respecto, habida conta de que a sentenza que nos obrigaba a rebaremar, foi recorrida por un colectivo de afectados. E mentres a sentenza non sexa firme ou o xuíz non acorde a súa execución provisional, non procede a súa execución”.

Pinal explicou ademais que, xa coñecidos os destinos definitivos da resolución do 1 de abril, a Consellería continuará a tramitación dos procedementos de adxudicación de destinos provisionais, intimamente vinculados aos resultados do concurso de traslados. Así, está previsto que o vindeiro 5 de agosto se dea publicidade no portal educativo ás resolucións provisionais, e que o o 28 de agosto e 9 de setembro se dea publicidade na mesma páxina web das resolucións definitivas, respectivamente, do procedemento de adxudicación de destinos provisionais de mestres e do procedemento de adxudicación de destinos provisionais do resto dos corpos docentes.