Cultura e Educación incorpora por primeira vez ao sistema educativo galego 19 grupos en 9 programas formativos para alumnado de educación especial no marco da implantación da FP Básica

A Consellería ofertará o vindeiro curso un total de 4.360 prazas en centros sostidos con fondos públicos, o que suporá un significativo incremento de profesorado

O número de prazas supera nun 16% ao número de matriculados en PCPI

Atendendo ao Consello Escolar de Galicia a Consellería reduciu de 30 a 20 o número máximo de alumnas e alumnos que, con carácter xeral, constituirán cada grupo

Mar, 29/07/2014 - 14:27
 Cultura e Educación incorpora por primeira vez ao sistema educativo galego 19 g
Cultura e Educación incorpora por primeira vez ao sistema educativo galego 19 grupos en 9 programas formativos para alumnado de educación especial no marco da implantación da FP Básica

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria incorporará o vindeiro curso por primeira vez ao sistema educativo galego 19 grupos en 9 Programas Formativos (PF) específicos para alumnado con necesidades educativas especiais, no marco da implantación da Formación Profesional Básica, que vén a substituír aos Programas de Cualificación Profesional Inicial (PCPI). O departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad ofertará o vindeiro curso un total de 4.360 prazas na FP Básica en centros sostidos con fondos públicos. Así, haberá un total de 218 grupos, que se distribuirán entre os 19 currículos de FP Básica e os devanditos 9 PF destinadas ao alumnado con necesidades educativas especiais que neste momento figuren como matriculados en centros de educación especial.

Con esta oferta a Consellería dá resposta ás demandas do sistema educativo galego. De feito o número de prazas ofertadas supera nun 16% o número de persoas que cursaron Programas de Cualificación Profesional Inicial. Cómpre salientar, ademais, que a nova oferta suporá un significativo incremento de profesorado nestas ensinanzas, e que todos os currículos se van impartir en centros que contan co equipamento idóneo para a realización das actividades lectivas (talleres, laboratorios, etc).

Neste sentido é necesario destacar o traballo realizado polo departamento educativo da Xunta de Galicia para poñer en marcha esta nova modalidade de FP ao abeiro da implantación da Lei para a Mellora da Calidade Educativa (LOMCE), poñendo a disposición das galegas e galegos case a totalidade dos currículos publicados polo Ministerio do ramo.

Así mesmo, a Consellería reduciu - desde as previsións iniciais e atendendo ao Consello Escolar de Galicia - de 30 a20 o número máximo de alumnas e alumnos que, con carácter xeral, constituirán cada grupo. Deste xeito, os grupos galegos da FP Básica contarán cun número máximo de estudantes igual que o previsto en outras Comunidades Autónomas, como é o caso de Andalucía. O número mínimo será –igual que nos ciclos formativos de grao medio e superior- de 8 no rural e de 12 nas cidades.

Vantaxes da FP Básica

A FP Básica supón un significativo avance respecto dos PCPI, permitindo que o alumnado que remate estes ciclos teña un Título de Formación Profesional Básica, que ten xa os mesmos efectos que o de graduado en ESO á hora de obter un emprego público ou privado. Neste sentido cómpre sinalar que se trata dunha ensinanza encadrada na Clasificación Internacional Normalizada da Educación da UNESCO, no nivel CINE 3, o que lle dá aínda máis categoría a estas ensinanzas e posibilidades de validación.

Entre outras vantaxes comparativas, estes ciclos permiten a mobilidade dos estudantes entre as diferentes Comunidades Autónomas; e os maiores de 21 anos que acrediten unidades de competencia poderán acceder a obter un título de FP Básica, o que non era posible cos PCPI.

Así mesmo, créase unha oferta en Galicia de 9 Programas Formativos para o alumnado con necesidades educativas especiais, cunha duración de 1 ano, tras o que o alumnado recibirá un certificado de realización de estudos