Un total de 667 titulados de FP realizaron prácticas remuneradas en empresas ao abeiro do programa posto en marcha pola Consellería de Cultura e Educación e FEUGA hai pouco máis dun ano

O 92,8% dos estudantes e o 96,6% dos empresarios consideraron boa ou excelente a formación recibida no marco desta iniciativa

Estas bolsas forman parte da estratexia de impulso da inserción laboral na FP que desenvolve o departamento dirixido por Xesús Vázquez, e que inclúe tamén a Formación en Centros de Traballo e a FP Dual

Dom, 27/07/2014 - 10:05

A colaboración entre a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a Fundación Empresa-Universidade Galega (FEUGA) permitiu que un total de 667 titulados de Formación Profesional realizaran prácticas remuneradas en empresas ao abeiro do Programa de Bolsas de Formación Profesional (PBFP) posto en marcha polas devanditas entidades en marzo de 2012 co obxectivo de facilitar a inserción profesional dos titulados destas ensinanzas.

Así o recolle o informe elaborado pola fundación arredor desta iniciativa pola fundación, no que se recolle ademais o alto nivel de satisfacción de empresarios, titores e bolseiros co PBFP. Así, o 96,6% dos empresarios e o 92, 8% dos bolseiros consideran boa ou excelente a formación recibida; e o 94,4% dos titores teñen unha valoración positiva do desenvolvemento deste programa.

De acordo con este informe, na segunda convocatoria do programa – ano 2013- participaron 431 titulados, que se sumaron aos 236 que se implicaran nel no 2012; que realizaron prácticas formativas en 248 empresas, 103 máis ca no ano anterior (71% máis). Deles, o 75,56% recibiu unha dotación mensual superior aos 500 euros, e case o 70% estivo na empresa máis de 4 meses. Así mesmo, duplicouse o número total de meses de prácticas ata chegar aos 2.607, un 104% máis ca no 2012, debido a un incremento medio do 11% no número de meses por bolseiro.

Aposta pola inserción laboral da mocidade

A través deste tipo de accións o departamento educativo da Xunta de Galicia promove a empregabilidade da mocidade, neste caso dos titulados na FP, facilitándolles o acceso a situacións reais de traballo na que poden demostrar e poñer en práctica a súa cualificación. Cómpre salientar que esta estratexia en prol da inserción laboral desenvolvida polo departamento que dirixe Xesús Vázquez complétase coa Formación en Centros de Traballo (FCT), inserida en todos os ciclos de FP, e mais coa FP Dual.

Neste sentido cómpre sinalar que preto de 14.800 alumnas e alumnos da formación profesional galega realizaron este curso prácticas de FCT, ao abeiro convenios con 8.766 empresas diferentes. No que atinxe á FP Dual, a Consellería ten creado xa un total de 222 prazas en proxectos de Formación Profesional Dual, nos que a formación curricular se combina con actividade profesionalizante remunerada que o alumnos realizada nun contorno real de traballo, o que contribúe a abrirlles ao estudantes a porta do marcado laboral. En total colaboran coa Consellería na implantación en Galicia desta modalidade de FP 10 empresas ou asociacións, en concreto Coremain, UNVI, FEPROHOS, Asociación Provincial de Talleres de Reparación de Vehículos da Coruña (APTCOR), Loida, Repsol, Arlea Hotels, Finsa/Foresa, Bosch Security Systems, e Media Markt.