Cultura e Educación destaca a personalidade creativa de Alfonso Costa na inauguración da exposición ‘Cyperus Papyrus’

O Museo do Gravado de Artes de Ribeira acolle esta mostra, que ofrece un percorrido pola obra gráfica do artista, a través da súa pintura, do debuxo e do gravado

Neste novo proxecto “podemos albiscar a proposta dun artista con personalidade e con saber facer, capaz de explorar sen límites e de arriscar nas súas propostas”, afirmou o secretario xeral de Cultura no acto de presentación

Ven, 18/07/2014 - 21:00
Cultura e Educación destaca a personalidade creativa de Alfonso Costa na inaugur
Cultura e Educación destaca a personalidade creativa de Alfonso Costa na inauguración da exposición ‘Cyperus Papyrus’

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, representada polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, participou esta tarde na inauguración da nova exposición do artista Alfonso Costa, que se pode visitar nas salas 2 e 3 do Museo do Gravado de Artes de Ribeira. Baixo o título ‘Cyperus Papyrus’, a mostra ofrece un percorrido pola obra gráfica do artista, a través da súa pintura, do debuxo e tamén do gravado.

Neste proxecto expositivo, “o artista preséntase fiel a esa ollada singular na que nos identificamos”, afirmou o secretario xeral de Cultura, ao tempo que destacou o feito de que “a través desta escolma podemos albiscar a proposta dun artista con personalidade e con saber facer, con autenticidade, capaz de explorar sen límites e de arriscar nas súas propostas, con ese pouso no que, como dicía, nos podemos identificar colectivamente”.

Un espazo propio no mundo contemporáneo

Para a Consellería de Cultura e Educación, dixo Anxo Lorenzo, “esta busca dun espazo propio no mundo contemporáneo como a que realiza Alfonso Costa, xunto con outras creadoras e creadores de talento que forman esta vaga artística actual, é fundamental para contarmos cunha cultura que poidamos cualificar como autenticamente viva e que procuramos alentar tamén coa nosa acción”.

‘Cyperus Papyrus’

O título da mostra fai referencia ao nome científico da planta a partir da cal os antigos exipcios conseguiron elaborar o papiro. Xa que logo, en palabras da escritora Eva Veiga,  “con este título, Alfonso Costa parece querer remontarnos a aquelas fontes da creación humana, a ese desexo antroplóxico inapelable que significa, en última instancia, invención e memoria”.

Poeta do debuxo e mestre do gravado

A obra gráfica de Alfonso Costa (Noia, 1943) é o eixe no que se basea exclusiva e significativamente a mostra, tanto no que atinxe á súa pintura como ao debuxo ou ao gravado. Unha escolla que abrangue, no que ás técnicas de gravado se refire, desde 1990 a 2014 e, no relativo á técnica mixta sobre papel, de 1993 a 2014. A través dela, o público ten a posibilidade de contemplar as procuras e achados dun artista inquedo, cualificado pola crítica como poeta do debuxo e mestre do gravado.

Menús News node R

Tema