O conselleiro de Cultura e Educación visita o CEIP Emilia Pardo Bazán para comprobar o avance das obras de ampliación do centro

O departamento educativo da Xunta de Galicia ten investido desde 2010 máis de 2 millóns de euros en mellorase implantación de programas educativos novidosos neste colexio do coruñés barrio dos Rosais

Vázquez Abad aproveitou a visita para anunciar a licitación do novo IES de Culleredo, no que se investirán máis de 4,5 millóns de euros e que dará servizo a ata 480 estudantes

Mér, 16/07/2014 - 12:13
 O conselleiro de Cultura e Educación visita o CEIP Emilia Pardo Bazán para comp
O conselleiro de Cultura e Educación visita o CEIP Emilia Pardo Bazán para comprobar o avance das obras de ampliación do centro

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, visitou hoxe o CEIP Emilia Pardo Bazán para comprobar o avance das obras de ampliación que se están a realizar no centro desde o pasado mes de marzo; e que completan as actuacións realizadas pola Xunta neste colexio desde 2010 ata sumar un investimento de máis de 2 millóns de euros. Non en balde, ademais da presente reforma, a Consellería xa asumiu o peche da pista polideportiva, a instalación dun ascensor así como, entre outras, melloras no sistema eléctrico e na calefacción deste CEIP e implantación de programas educativos novidosos no mesmo. Neste momento a obra está en fase de remate de estrutura e iniciando albanelería.

Vázquez Abad aproveitou ademais esta visita para anunciar a licitación do novo IES de Culleredo, no que se investirán máis de 4,5 millóns de euros e que dará servizo a 480 estudantes. Durante a súa visita o conselleiro estivo acompañado polo alcalde da Coruña, Carlos Negreira; polo secretario xeral técnico da Consellería, Jesús Oitavén; e mais pola delegada da Xunta na provincia, Belén do Campo.

O titular do departamento educativo da Xunta de Galicia amosouse satisfeito co bo ritmo que levan os traballos no Emilia Pardo Bazán, “polo que agardamos que a reforma remate no mes de decembro deste ano”. Durante a súa visita fixo fincapé na importancia desta ampliación, especialmente no actual contexto económico, que vén a confirmar o compromiso da Xunta de Galicia coa comunidade educativa deste centro do barrio dos Rosais. Non en balde, lembrou “este centro conta tamén con seis aulas Abalar, das que se benefician máis de 148 alumnas e alumnos, e ten recibido máis achegas para a súa biblioteca escolar”

Vázquez Abad salientou ademais a envergadura da obra, tras a que o centro contará cun edificio novo con 9 aulas de infantil totalmente novas con capacidade para 225 alumnas e alumnos, erguidas nunha parcela cedida polo Concello da Coruña. As melloras supoñen, así mesmo, así mesmo, a construción dunha sala de usos múltiples, comedor e unha nova zona de administración e aulas de apoio

Estrutura e distribución do novo edificio

De acordo coas necesidades detectadas pola unidade técnica da consellería, as novas instalacións organizaranse nun novo edificio independente de 1.500 metros cadrados, adaptado á orografía do terreo e que será tamén utilizado – na zona do comedor- polo alumnado de Primaria. No andar baixo localizaranse os servizos comúns, como un comedor con capacidade para 300 rapaces, unha sala de usos múltiples e un local para a ANPA, e no primeiro, as nove aulas cos seus correspondentes aseos, dúas unidades de apoio educativo, unha sala de profesores, e unha nova zona de administración e servizos comúns.

Dada a contorna do centro, proxectouse un porche de acollida no seu acceso, pensado para facilitar a traída e recollida dos alumnos polos seus acompañantes. No que atinxe á estrutura, será de formigón armado con forxados de lousas alveolares prefabricadas de formigón ou lousas macizas segundo as zonas, con fachadas tamén de formigón armado visto de cor branca e carpintería de aluminio lacado en cor azul e grandes cristaleiras para incrementar a luminosidade no interior. A cuberta será inclinada e bandexas de zinc con xunta alzada. No referido á distribución das aulas realizarase vinculando cada unha delas a unha zona exterior de patio, buscando ao mesmo tempo a máxima protección da incidencia do vento.