Vázquez Abad preside o acto de recoñecemento da certificación de calidade á rede de CIFPs, co que Galicia se confirma como a comunidade autónoma con máis centros integrados públicos de Formación Profesional con este recoñecemento
Os CIFPs A Carballeira-Marcos Valcárcel e As Mercedes lograron en tan só un curso obter a certificación de calidade AENOR sumándose aos outros 17 que xa contaban co ISO 9001, polo que a rede volve estar certificado no seu conxunto
O conselleiro sinalou ademais a importancia destes centros no avance da FP en Galicia e no establecemento de relacións co mundo produtivo e a realidade laboral
Lun, 14/07/2014 - 11:00
Vázquez Abad preside o acto de recoñecemento da certificación de calidade á rede
Vázquez Abad preside o acto de recoñecemento da certificación de calidade á rede de CIFPs

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, presidiu hoxe na Cidade da Cultura o acto de recoñecemento da certificación de calidade para o Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) A Carballeira-Marcos Valcárcel, de Ourense, e o CIFP As Mercedes, de Lugo. Deste xeito, a totalidade da Rede de Centros Integrados de Formación Profesional en Galicia contan xa con este recoñecemento do Sistema de Xestión da Calidade da Asociación Española de Normalización e Certificación (AENOR) que está baseado na norma internacional ISO 9001.

Acompañado polo presidente de AENOR, Manuel López Cachero, e o director da Asociación en Galicia, Martín Pita, e xunto ao director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira; a subdirectora xeral de FP, María Eugenia Pérez e os directores de ambos os centros; o conselleiro destacou o esforzo realizado por estes dous centros para, en tan só un ano, “reunir as esixencias de AENOR para acadar eses Certificados de Calidade” ademais de agradecer ao conxunto dos 19 CIFPs o “esforzo, dedicación e implicación total co alumnado como destinatario de todas as accións en prol da calidade que desenvolven”.

Para o Presidente de AENOR, Manuel López Cachero, “a obtención do certificado de Xestión da Calidade ISO 9001 por parte de dous novos centros integrados de Formación Profesional converten a Galicia na primeira Comunidade Autónoma española por número de centros públicos de FP certificados por AENOR, cun total de 19. Noraboa á Xunta de Galicia polo seu firme compromiso coas políticas sistemáticas da calidade na formación”.

Colaboración coa empresa

Neste sentido Vázquez Abad sinalou ademais o labor desenvolvido polos CIFP para avanzar “nesa necesaria colaboración entre centro educativo e empresa”. “Este feito –explicou-  queda de manifesto a través de 2 claros sinais. Por unha banda, a posta en marcha xa de 15 proxectos de FP Dual, fundamentalmente apoiados nos centros integrados, que foron pioneiros nestas experiencias; e por outra o traballo conxunto que se está a desenvolver xa coas empresas por exemplo a través da última convocatoria de proxectos de innovación de FP, cunha participación de 63 centros educativos e 100 empresas e entidades de prestixio”.

Así mesmo o  conselleiro salientou as actuacións que os CIFPs están a desenvolver para apoiar ás PEMES ofrecendo entre outros, servizos de formación a demanda, contacto con profesores especialistas das distintas familias profesionais, colaboración en proxectos de innovación tecnolóxica, coñecemento dos equipamentos dos centros, ou busca de profesionais a través das bolsas de emprego dos CIFP, “esta última unha contribución especialmente importante á inserción laboral. É dicir, unha clara aposta polo contacto do alumnado coa realidade laboral así como pola transferencia de coñecemento desde a FP cara o mundo produtivo”.

O papel dos CIFPs no avance da FP galega

A Rede de CIFP é a responsable en boa medida do gran avance da FP galega nos últimos cinco anos, cun incremento total da matriculación do 48,4% respecto do curso 2008/2009. En relación a demanda destes estudos o titular de Cultura e Educación da Xunta recordou que “a matrícula dos CIFP multiplicouse máis que por 3 no último lustro, o que supón que, do incremento total de 16.818 alumnos na FP, 10.203 están matriculados na Rede de Centros Integrados de Formación Profesional”.

Vázquez Abad tamén quixo facer fincapé na importancia que os CIFPs teñen como “os únicos centros nos que se realiza o proceso de avaliación, recoñecemento e acreditación de competencias profesionais a través da experiencia laboral ou de formación non formal”, ao abeiro do que se levan convocado desde 2009 un total de 30.345 prazas.

Ademais, lembrou que boa parte das instalacións da Rede de Viveiros de Empresa se atopan en centros integrados de FP. A Consellería está traballando para - no marco do plan Eduemprende- incrementar o número de viveiros de empresa en centros educativos, coa creación este ano de 8 novos, entre eles o do CIFP A Carballeira-Marcos Valcárcel (Ourense), de tal forma que 17 centros -14 CIFP e 3 IES- contan con estas instalacións. O obxectivo, segundo indicou o conselleiro é “inculcar dende o propio currículo dos ciclos a cultura emprendedora ao alumnado para camiñar cara a un exitoso futuro”

“Estes logros que veño de resumirlles son posibles precisamente polo feito de que os 19 centros integrados traballan realmente en rede, cunha colaboración real en todos os eidos así como na súa relación coa contorna”, explicou o conselleiro, sinalando que os feitos avalan tamén a decisión do seu departamento de ampliar a rede de CIFPs. “Somos conscientes de que, ás veces, os cambios poden provocar incomodidades. Aínda así, 3 anos despois de comezar a ampliación da Rede, podemos dicir que valeu a pena o esforzo”.

O recoñecemento

O certificado do Sistema de Xestión da Calidade da Asociación Española de Normalización e Certificación (AENOR) está baseado na norma internacional ISO 9001, a ferramenta de xestión de calidade máis estendida do mundo con certificados en 184 países.

Entre as vantaxes deste recoñecemento está a mellora dos procesos, a redución de custes, ou o incremento da implicación dos profesionais.