O conselleiro de Cultura e Educación solicita á Universidade de Vigo novas propostas para o fortalecemento do Campus de Ourense

A axencia avaliadora independente emitiu informe final de verificación desfavorable ao Grao de Enxeñaría Física

Entre outros puntos, a ACSUG é clara ao sinalar que non se achegou información suficiente que permitira valorar a adecuación do profesorado para a impartición da titulación

Así mesmo, a axencia considerou que a denominación do grao non é coherente co plan de estudos, e que induce a confusión, “ao non ser quen de discernir se se trata realmente dunha titulación da Rama de Enxeñaría e Arquitectura ou da Rama de Ciencias”

Ven, 11/07/2014 - 14:05
 O conselleiro de Cultura e Educación solicita á Universidade de Vigo novas prop
O conselleiro de Cultura e Educación solicita á Universidade de Vigo novas propostas para o fortalecemento do Campus de Ourense

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, instou hoxe á Universidade de Vigo, “desde o profundo respecto á autonomía universitaria”, a elaborar novas propostas que, “sendo coherentes co marco normativo de aplicación en materia de estudos universitarios, provoquen un reforzamento da oferta de grao no campus de Ourense con titulacións que pola súa capacidade de atracción, calidade docente, singularidade dentro da oferta do Sistema Universitario Galego, perspectivas de empregabilidade dos egresados e incardinación no contorno socioeconómico sexan un auténtico reactivo da actividade da zona e actúen como polo de atracción de riqueza e coñecemento”. Fíxoo no marco do pleno extraordinario do Consello Galego de Universidades, no que informou de que a titulación de Grao de Enxeñaría Física, vén de obter informe final de verificación desfavorable por parte da entidade avaliadora independente, a Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG).

O conselleiro indicou que, unha vez emitido este informe desfavorable, non é pertinente solicitar o informe do Pleno do Consello Galego de Universidades. “Estamos - dixo- diante dunha titulación que non superou o procedemento de verificación da axencia avaliadora independente, requisito ‘sine qua non’ para poder tramitar, no seu caso, a autorización de implantación”.

Unha avaliación independente e obxectiva

Xesús Vázquez fixo fincapé na independencia e obxectividade da ACSUG. “Calquera proposta de titulación – recordou- debe superar o procedemento de verificación no que está garantida a independencia do ámbito puramente técnico, respecto de posibles inxerencias políticas ou de calquera outro interese. Neste sentido explicou que o Real Decreto 1393/2007 establece no punto 4 do artigo 25 que “a avaliación do plano de estudos realizarase por una comisión formada por expertos do ámbito académico e profesional. Ditos expertos serán avaliadores independentes de recoñecido prestixio designados en cada caso pola ANECA ou polos respectivos órganos de avaliación”.

Deste xeito o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia reiterou a aposta da Consellería por fomentar o equilibrio territorial dos sete campus galegos, “convencidos de que as universidades teñen a capacidade de actuar como motor de progreso e futuro”. “Polo tanto – engadiu- reitero unha vez máis, a miña petición ás tres universidades públicas galegas, de continuar traballando de xeito responsable e coherente, e con perspectiva de sistema, nas liñas de reforzamento da oferta de estudos universitarios da nosa comunidade autónoma e facer entre todos do SUG un punto de referencia imprescindible no eido universitario”.

Consideracións do informe

A avaliación do plan de estudos da titulación do campus de Ourense foi realizada pola ACSUG na Comisión de Avaliación da Rama de Enxeñaría e Arquitectura, formada por expertos nacionais e internacionais do ámbito académico, profesionais e estudantes; cos criterios recollidos no protocolo de avaliación para a verificación de títulos oficiais elaborado pola Rede Española de Axencias de Calidade Universitaria.

Seguindo o procedemento establecido, a ACSUG enviou á UVigo informe provisional coas observacións oportunas. Unha vez rematado o período de alegacións, a comisión de avaliación reuniuse de novo, emitindo finalmente informe desfavorable á verificación do título.

Entre os aspectos que motivaron esta decisión, a axencia sinala no seu informe que “a denominación do grao non é coherente co plan de estudos e induce a confusión, ao non ser quen de discernir se se trata realmente dunha titulación da Rama da Enxeñaría e Arquitectura ou da Rama de Ciencias”. A este respecto a ACSUG indica que se esta titulación quixera manterse na Rama da Enxeñaría e Arquitectura “debería reforzarse a formación en aspectos tecnolóxicos básicos e aplicados da rama, por exemplo incluíndo materias fundamentais – das que cita, entre outras, debuxo ou estatística- e materias tecnolóxicas – como tecnoloxía mecánica ou termotecnia, entre as sinaladas no informe-“. Así mesmo, a axencia considera que algunhas materias contempladas no plan de estudos, como a denominada ‘Mecánica’, “non responden aos aspecto enxeñerís da Tecnoloxía Mecánica”.

Por outra banda, a ACSUG é clara ao sinalar que a UVigo non achegou información suficiente que permitira valorar a adecuación do profesorado para a impartición da titulación. A este sentido lembra que o anexo I do Real Decreto 1393/2007 indica no punto de ‘Persoal Académico’ que a memoria dun título debe incluír a “descrición do profesorado e outros recursos humanos necesarios e dispoñibles para levar a cabo o plan de estudos proposto”.

Se ben a UVigo respondeu a esta consideración do informe provisional indicando que non lle era posible “responder en detalle ao requirimento  de prever o grao de dedicación ao título por áreas de coñecemento”, a axencia avaliadora considera que a universidade tería que ter achegado información, a nivel de departamentos. “Non hai que esquecer- di o informe- que se trata de profesorado dunha Facultade de ciencias que se encargaría da docencia dun título da Rama da Enxeñaría e Arquitectura, e que sen esta información non é posible emitir un xuízo sobre a súa adecuación para este encargo sen coñecer o perfil docente, investigador e profesional de dito profesorado”.