O pleno extraordinario do Consello Galego de Universidades remata o proceso de informe das titulacións do Sistema Universitario de Galicia para o vindeiro curso

Parte das titulacións que superaran a votación da anterior reunión do pleno condicionadas ao informe final de verificación xa conta co visto e prace da ACSUG

Deste xeito, confírmase a impartición no 14/15 de titulacións o Grao en Ciencias da Linguaxe e Estudos Literarios da UVigo, tras os cambios esixidos no informe provisional de verificación

O pleno extraordinario non puido finalmente votar a autorización da impartición do Grao en Enxeñaría Física, xa que a titulación obtivo informe desfavorable da axencia avaliadora independente

Ven, 11/07/2014 - 13:58
O Pleno extraordinario do Consello Galego de Universidades remata o proceso de i
O Pleno extraordinario do Consello Galego de Universidades remata o proceso de informe das titulacións do sistema universitario de Galicia para o vindeiro curso

O pleno extraordinario do Consello Galego de Universidades (CGU), presidido polo conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, rematou hoxe o proceso de informe das titulacións que se impartirán no Sistema Universitario de Galicia (SUG) o vindeiro curso, das cales aínda 7 están pendentes do informe final de verificación por parte da axencia avaliadora independente. Ademais, os membros do CGU foron hoxe informados das titulacións que, tras superar no anterior pleno a votación do Consello condicionada ao informe final de verificación, contan xa co visto e prace da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG).

O proceso completouse hoxe votación das titulacións - con resultado desfavorable – da autorización das titulacións de Grao en Arquitectura e de Grao en Administración e Dirección de Empresas, que substituirían ás que había neste centro, ata o momento vencellado ao University College Dublin.

O conselleiro explicou ademais aos membros do Consello Galego de Universidades que a axencia avaliadora independente, a ACSUG, emitiu informe final de verificación desfavorable respecto do Grao en Enxeñaría Física proposto pola UVigo. Neste sentido Vázquez Abad lembrou que, tal e como pediran varios membros do CGU, a titulación non fora sometida no anterior pleno do Consello a votación, xa que “non quedaba claro, entre outros, o encaixe da titulación na rama de coñecemento de enxeñaría ou na de ciencias, coas consecuencias que iso podería ter na decisión final dos vogais. Así mesmo, ante a polémica suscitada respecto desta titulación, acordouse esperar a contar co informe definitivo de verificación da axencia e, no caso de ser favorable, someteríase a informe deste pleno a proposta de implantación do título”.

Unha vez emitido pola ACSUG o informe final desfavorable, tal e como explicou o conselleiro, non é pertinente solicitar o informe do Pleno do Consello Galego de Universidades. “Estamos - dixo- diante dunha titulación que non superou o procedemento de verificación da axencia avaliadora independente, requisito sine qua non para poder tramitar, no seu caso, a autorización de implantación”.

Luz verde da ACSUG a 6 titulacións

No que atinxe ás titulacións votadas no pleno do CGU do pasado 26 de maio, e que estaban condicionadas ao informe favorable da ACSUG, o conselleiro informou hoxe de que 6 delas xa obtiveron luz verde por parte desta axencia avaliadora independente. Así, o inicialmente denominado ‘Grao en Ciencias da Linguaxe’, da Universidade de Vigo, impartirase o vindeiro curso 2014/2015 baixo a denominación de ‘Grao en Ciencias da Linguaxe e Estudos Literarios’, unha das modificacións esixidas pola ACSUG no informe provisional, sen cuxo cumprimento non tería sido posible a obtención do informe final favorable. Así mesmo a UVigo realizou numerosos cambios no que se refire á reestruturación de materias, que posibilitaron que o informe final fora favorable. Este novo grao vén a substituír ao Grao de Estudos de Galego e Español.

Tal e como explicou o conselleiro, tamén cambiou de denominación o Máster Universitario en Ciencia e Tecnoloxía Agroalimentaria e Ambiental da Universidade de Vigo, denominación inducida polo informe provisional de verificación, e que obtivera o informe favorable do CGU baixo a denominación de Máster Universitario en Recursos Naturais e Tecnoloxía Agroalimentaria.  Ademais das dúas devanditas, outras catro titulacións que foran votadas no anterior pleno do Consello contan xa co informe final favorable da ACSUG, en concreto o Grao en Enxeñaría agrícola e Agroalimentaria (USC), o Máter en Arqueoloxía e Ciencias da Antigüidade (USC e UVigo), o Máster en Física (USC) e o Programa de Doutoramenteo en Estudos Culturais: Memoria, Identidade e Territorio (USC)

Para o resto de titulacións – un total de 7- que obtiveran a votación favorable provisional na xuntanza anterior do pleno do CGU a ACSUG emitirá informes finais o vindeiro 29 de xullo.