O conselleiro de Cultura e Educación preside a reunión do padroado da Fundación Rof Codina para analizar á proposta de adxudicación da construción do CEBIOVET

Un total de 27 empresas concorreron ao concurso público

A maior puntuación obtívoa Xestión Ambiental de Contratas S.L., cun orzamento de máis de 3,2 millóns de euros

Ven, 11/07/2014 - 13:20
Xesús Vázquez Abad na reunión do padroado da Fundación Rof Codina
Xesús Vázquez Abad na reunión do padroado da Fundación Rof Codina

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, presidiu esta mañá a reunión do padroado da Fundación Rof Codina, encontro no que se analizou a proposta de adxudicación da construcción do novo Centro de Investigación en Biomedicina e Veterinaria (CEBIOVET).

No encontro o padroado foi informado dos trámites desenvolvidos nas mesas de contratación. Segundo resumiu o xerente da Fundación, Luis Felipe de la Cruz Palomino, un total de 27 empresas concorreron ao concurso público, quedando finalmente 6 ofertas  fóra por baixa desproporcionada. Cun orzamento de máis de 3,2 millóns de euros, a empresa que obtivo a maior puntuación - de acordo cos criterios de valoración contidos no Prego de Cláusulas Administrativas Particulares - foi Xestión Ambiental de Contratas S.L..

A partires de agora os trámites continuarán coa formalización da adxudicación e coa sinatura do contrato, previas ao inicio das obras.

Un centro de referencia

O CEBIOVET está chamado a ser un centro de referencia na investigación en medianos e grandes animais, que permitirá abrir novas liñas de investigación e novas oportunidades docentes, e contribuíndo á formación de persoal altamente especializado e, en definitiva, ao fortalecemento do campus universitario de Lugo e á súa especialización na investigación no eido agro-gandeiro. Ademais, o novo centro contribuirá á relación coas empresas que, á súa vez e beneficiándose da transferencia do coñecemento científico, poderán dar saída a novos produtos e servizos.

Cunha superficie de 4.782,10 metros cadrados construídos o novo centro vai contar con todos os estándares para que nel se poidan facer traballos en colaboración con calquera empresa ou centro investigador, xa que as súas instalacións van estar de acordo coa última normativa reguladora das características que deben ter os centros nos que se realiza investigación con animais - ano 2013-; unhas condicións de calidade que, neste momento, teñen moi poucos centros deste tipo en Europa.

O novo edificio permitirá albergar no mesmo edificio os grupos de medianos e grandes animais, a través da reforma e ampliación dos actuais pavillóns de hospitalización e experimentación animal, ao que se unirá a ampliación das instalacións actuais mediante a construción dun novo pavillón. Ademais, conectaranse os dous edificios mediante a construción dun corredor cuberto que facilite o tránsito entre os diferentes módulos.