A Consellería de Cultura e Educación participa no acto de inauguración do XXVII encontro estatal de Escolas Asociadas á UNESCO

Un total de 120 docentes procedentes de Asturias, Cantabria, País Vasco, Aragón, Cataluña, Baleares, Comunidade Valenciana, Andalucía, Madrid, Castela León e Galicia déronse cita na tarde de hoxe no Pazo de Mugartegui

Mér, 02/07/2014 - 19:30
 A Consellería de Cultura e Educación participa no acto de inauguración do XXVII
A Consellería de Cultura e Educación participa no acto de inauguración do XXVII encontro estatal de Escolas Asociadas á UNESCO

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, representada no seu director xeral de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal, participou hoxe na inauguración do XXVII encontro estatal de Escolas Asociadas á UNESCO (redPEA), nun acto celebrado no Pazo de Mugartegui, en Pontevedra.

Durante a súa intervención o director xeral salientou o compromiso das escolas asociadas para lograr “unha educación de calidade inclusiva, igualitaria, comprometida co entorno e con capacidade para transformar a sociedade”. Neste sentido lembrou que dende a Consellería de Cultura e Educación trabállase nesa dirección co fin de que “estas escolas sexan exemplo para o resto das comunidades educativas”.

Esta cita para docentes reuniu a un total de 120 profesionais procedentes de Asturias, Cantabria, País Vasco, Aragón, Cataluña, Baleares, Comunidade Valenciana, Andalucía, Madrid, Castela León e Galicia co obxectivo de, segundo as palabras de José Manuel Pinal, “coñecer, preservar e legar ás xeracións futuras a diversidade natural e cultural do planeta”.

Escolas Asociadas

A rede estatal de Escolas Asociadas á UNESCO está conformada por 235 centros, dos cales 15 están situados en Galicia e que no seu día a día traballan en iniciativas en favor do diálogo internacional e intercultural e o ensino de calidade. Neste sentido, a Rede de Escolas Asociadas da UNESCO (redPEA), é unha organización mundial creada en 1953 e que conta coa implicación de 9.900 institucións educativas –que van desde centros de ensinanza preescolar, primaria e secundaria ata escolas de formación profesional e institutos de capacitación de docentes– en 180 países que traballan en prol da comprensión internacional, a paz, o diálogo intercultural, o desenvolvemento sostible  e a posta en práctica da educación de calidade.