A Consellería lamenta a inxerencia da oposición na autonomía universitaria ao intentar forzar a titulación de Enxeñería Física en Ourense

O departamento educativo deplora que se intente substituír o criterio de expertos académicos de recoñecido prestixio polo arbitrio dunha plataforma cidadá

Mar, 01/07/2014 - 19:45
 A Consellería lamenta a inxerencia da oposición na autonomía universitaria ao i
A Consellería lamenta a inxerencia da oposición na autonomía universitaria ao intentar forzar a titulación de Enxeñería Física en Ourense

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria lamenta que no día de hoxe se producira a maior inxerencia política dos grupos parlamentarios da oposición na autonomía universitaria, ao tratar de presionar tanto á Universidade de Vigo como ao ACSUG con obxecto de forzar a autorización da titulación de Enxeñaría Física para o campus de Ourense, suplantando os canles regulamentarios. A Consellería deplora que co seu proceder se tente substituír a avaliación técnica da calidade deste título mediante expertos académicos de recoñecido prestixio, polo criterio arbitrario dunha plataforma cidadá, algo insólito no sistema universitario español.

A Consellería lembra que o informe provisional da axencia avaliadora independente ACSUG foi moi claro ao considerar que existen moitas dúbidas para a autorización da impartición da titulación de Grao en Enxeñaría Física. Á vista destes feitos, o Consello Galego de Universidades (CGU), diante do rexeitamento de moitos dos seus membros, acordou no seu día, e por unanimidade, adiar a autorización de implantación, ata a emisión do informe final de verificación.

Foi en xaneiro cando a Consellería autorizou o envío a verificación do título de Enxeñería Física, proceso que continua aberto na actualidade en instancias da ACSUG. Polo tanto non existiu nin existe negativa algunha a autorizar o devandito título por parte da Xunta como pretende a oposición. Non se trata, xa que logo dunha decisión política senón da que ten que tomar un organismo independente.