A Consellería de Cultura e Educación acredita a produción científica do persoal investigador do Programa Isidro Parga Pondal do ano 2009

Este recoñecemento, supón que o traballo dos investigadores está acorde cos requirimentos de excelencia científica

Os 18 investigadores e investigadoras cuxos expedientes foron avaliados recibiron, cada un deles, preto de 180.000 euros ao longo dos cinco anos que durou o programa

Xov, 26/06/2014 - 17:15
 A Consellería de Cultura e Educación acredita a produción científica do persoal
A Consellería de Cultura e Educación acredita a produción científica do persoal investigador do Programa Isidro Parga Pondal do ano 2009

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de resolver o proceso de acreditación do cumprimento dos requisitos de calidade de produción e actividade científico-tecnolóxica, que implican unha traxectoria destacada para os investigadores e investigadoras do último ano do Programa Parga Pondal convocado en 2009. Este recoñecemento, tras a avaliación realizada no último ano do contrato, supón que o traballo dos investigadores está acorde cos requirimentos de excelencia científica.

Dos 18 expedientes sometidos a este proceso de análise, levado a cabo a través da Axencia de Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG), todos eles foron avaliados positivamente, e recibirán a certificación que o acredita. Deles, 9 investigadores corresponden á Universidade de Santiago de Compostela, 7 á de Vigo e 2 á da Coruña.

A duración do contrato de cada investigador foi de cinco anos e desenvolveuse entre o 2009 e o 2014. O custo total do Programa Isidro Parga Pondal correspondente a adxudicación do ano 2009 foi de 3.391.200 euros. En concreto, cada un dos 18 investigadores avaliados percibiu unha media de case 180.000 euros durante todo o tempo que estivo no programa.

O obxectivo do Programa Parga Pondal é contribuír a incrementar os recursos humanos do sistema de I+D de Galicia mediante as axudas á contratación de persoal investigador doutor cunha formación investigadora acreditada en organismos científicos estatais ou estranxeiros, nas universidades do Sistema Universitario de Galicia.

Menús News node R