Vázquez Abad sinala ás familias como as principais beneficiadas pola nova plataforma de contidos curriculares dixitais, que permitirá a 22.500 estudantes o acceso gratuíto ás TIC

O conselleiro de Cultura e Educación salientou o éxito da convocatoria, con 90 solicitudes de centros educativos

Lembrou tamén que o sector editorial galego puido concorrer, e así o esperaba a Xunta, aos procedementos de licitación desta plataforma

Xov, 26/06/2014 - 17:44
 Vázquez Abad sinala ás familias como as principais beneficiadas pola nova plata
Vázquez Abad sinala ás familias como as principais beneficiadas pola nova plataforma de contidos curriculares dixitais, que permitirá a 22.500 estudantes o acceso gratuíto ás TIC

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, sinalou hoxe no Parlamento de Galicia ás familias como as principais beneficiadas pola nova plataforma de contidos curriculares dixitais, que permitirá o acceso gratuíto ás TIC a 22.500 alumnas e alumnos no período 2014-2017. Neste sentido lembrou que, ademais, o seu departamento mantén para o vindeiro curso o seu compromiso de axudar na adquisición de libros de texto a quen máis o necesita. Así, e respecto do anterior sistema de préstamo do Bipartito, “que segundo un estudo da USC poñía en risco a viabilidade dos editores galegos”, Vázquez Abad explicou que a actual Consellería “está a afrontar a situación primeiro pensando nas familias e despois tratando de abrir as vías que aseguren un futuro ao sector editorial e aos libreiros”.

Ademais, salientou o éxito da convocatoria para sumarse de forma voluntaria a este proxecto, xa que a Consellería recibiu 90 solicitudes de centros dos que, segundo a resolución provisional, 84 participarán nesta plataforma educativa dixital. “A partir do número de peticións recibidas, cómpre indicar que o 11% dos centros sostidos con fondos públicos que imparten primaria están interesados en participar. Pero, aínda máis, por riba do 30% dos centros públicos Abalar de Primaria terán contidos dixitais”, indicou o conselleiro.

Transparencia do proceso

O titular do departamento educativo do Goberno galego lembrou tamén que o sector editorial galego puido concorrer, e así o esperaba a Xunta, aos procedementos de licitación desta plataforma.  Neste sentido fixo fincapé na transparencia do proceso e explicou que a Consellería e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) mantiveron unha reunión con representantes do sector editorial a nivel nacional, en concreto Asociación Nacional de Editores de Libros y material de Enseñanza (ANELE) e da asociación galega de editores, na que se lles falou da intención da Consellería de implantar un modelo de educación dixital.

Así mesmo, recordou que o recurso especial de contratación presentado pola Asociación Nacional de Editores de Libros y material de Enseñanza (ANELE) foi desestimado polo Tribunal Administrativo Central de Recursos Contractuales. Neste sentido indicou que o Tribunal considerou, literalmente, “que non aprecia ningunha situación de monopolio nin ningunha práctica contraria polo feito de que se prevea a creación dunha plataforma dixital (contorno virtual de aprendizaxe ) á que poidan adherirse os centros educativos que o estimen convinte”.

Mandato parlamentario

Vázquez Abad lembrou tamén que os pasos que a Xunta está a dar para crear un contorno educativo virtual procuran atender a diferentes mandatos, como o derivado da Resolución aprobada no Debate do Estado da Autonomía de 2013 que di que insta ao Goberno galego a adoptar as medidas necesarias para a progresiva implantación nos centros educativos da utilización extensa de contidos educativos dixitais; ou o necesario cumprimento dun dos parágrafos do artigo 111 bis da LOMCE, que fala dos contidos educativos virtuais e establece como responsabilidade das Administracións educativas a promoción das TIC “como medio didáctico apropiado e valioso para levar a cabo as tarefas de ensinanza e aprendizaxe”.

Así mesmo fixo referencia ao feito de que son xa numerosos os centros que empregan xa libros ou materiais dixitais, non en balde, a iniciativa que se porá en funcionamento o vindeiro ano académico nace das reflexións dun proxecto piloto de educación dixital dunha decena de centros que xa leva 2 cursos funcionando.