O pleno do Consello Escolar de Galicia aproba que o novo decreto de primaria continúe o seu trámite
O órgano avala a nova distribución horaria nesta etapa educativa
Con este texto a Consellería procura unha mellora dos resultadose a excelencia educativa
Mér, 25/06/2014 - 23:15
 O pleno do Consello Escolar de Galicia aproba que o novo decreto de primaria co
O pleno do Consello Escolar de Galicia aproba que o novo decreto de primaria continúe o seu trámite

O pleno do Consello Escolar de Galicia aprobou hoxe que o novo decreto de Primaria continúe o seu trámite. O Consello Escolar rexeitou as emendas á totalidade formuladas pola Confederación Intersindical Galega (CIG), Unión General de Trabajadores (UGT) e Comisións Obreiras (CC.OO.), así como pola Confederación Galega de ANPAs de Centros Públicos (CONFAPA). Por outra banda, foron aprobadas 20 das emendas presentadas, que serán estudadas pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Neste sentido cómpre salientar que o Consello avala a nova distribución horaria nesta etapa educativa establecida polo decreto, xa que as emendas referidas a este punto non foron aprobadas na reunión desta tarde.

Con este texto, o departamento educativo da Xunta de Galicia avanza no sentido que marcan as principais institucións educativas a nivel europeo, é dicir, cara a un modelo de rendición de resultados, de avaliacións externas, e de maior autonomía dos centros educativos.

Tras a súa votación no Consello Escolar de Galicia, o texto pasará agora polos órganos sectoriais da Xunta (Orzamentos, Igualdade,...) polo Consello Consultivo e polo Consello Galego de FP antes de ser sometido á aprobación do Consello da Xunta, previa á súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Nova distribución horaria

Así, a maiores do incremento de 2 horas en matemáticas, haberá 2 horas de libre configuración -unha en cuarto e outra en sexto- que cada centro, dentro da súa autonomía, poderá dedicar á ampliación e reforzo de calquera das materias que se enmarquen no seu proxecto educativo: máis linguas, máis música, máis ciencias; adecuando o ensino ás características particulares do seu alumnado e nos resultados das súas avaliacións.

O obxectivo é favorecer a autonomía dos centros, sempre respectando o Decreto do Plurilingüismo, na procura dun reforzo da aprendizaxe competencial, aproximándose ás recomendacións do Parlamento Europeo e do Consello.

O novo horario aposta ademais pola troncalidade, mantendo o mínimo de horas agora vixente para o resto das materias de carácter troncal e específico: Lingua e Literatura Galega, Lingua e Literatura Castelá - mantendo así o equilibrio lingüístico, ca mesma carga lectiva e horaria para ambas-, Ciencias Sociais e Ciencias Naturais. Ademais, e dacordo co compromiso adquirido polo conselleiro, mantéñense un mínimo de 2 horas en todos os cursos de Primaria para a educación artística –plástica e música-, así como para a educación física.

Esta nova distribución horaria na educación Primaria busca a mellora dos resultados e a excelencia educativa, apoiándose ademais nun amplo cambio metodolóxico cara a un modelo no que prime a transversalidade e a aprendizaxe integrada.