Cultura e Educación súmase ao Día Internacional da Música cun concerto da Real Filharmonía de Galicia na Cidade da Cultura

A orquesta estará dirixida por Oliver Díaz e, co galego Javier Otero ao piano, estreará a obra ‘Auga Doce’ composta por Juan Durán inspirándose na exposición do mesmo nome

Patrocinado por Augas de Mondariz, o concerto é gratuito con invitación que se pode recoller no mostrador do Museo Centro Gaiás ata o sábado

Ven, 20/06/2014 - 13:58
 Cultura e Educación súmase ao Día Internacional da Música cun concerto da Real
Cultura e Educación súmase ao Día Internacional da Música cun concerto da Real Filharmonía de Galicia na Cidade da Cultura

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria súmase aos eventos organizados con motivo do Día Internacional da Música a través dun concerto especial da Real Filharmonía de Galicia mañá sábado no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura de Galicia, e no que se estreará a obra ‘Auga Doce’ composta por Juan Durán, que se inspirou na exposición homónima que se pode visitar no Museo.

A partir das 21 horas, a Real Filharmonía de Galicia subirá ao escenario baixo a batuta de Oliver Díaz, director convidado e titular da Orquesta Sinfónica Ciudad de Gijón, OSCG, e da Barbieri Symphony Orchestra, BSO. Cun extenso repertorio que abarca desde o barroco ata a música contemporánea, Díaz ponse á fronte da Real Filharmonía tras dirixir concertos en España, Portugal, Francia, Alemaña, Romanía e Estados Unidos con algunhas das orquestras máis prestixiosas do mundo.

Xunto coa ‘Música acuática’ de Händel e a Sinfonía nº 40 en Sol Menor de Mozart, o Museo Centro Gaiás acollerá a estrea absoluta de ‘Auga Doce’, a tocatta para piano e orquestra composta por Juan Durán para a exposición que acolle a Cidade da Cultura.

Juan Durán busca nesta peza evocar o suave fluír da auga, a súa luminosidade e doce tintinar. Para iso estará acompañado por Javier Otero no piano solista, un dos pianistas galegos con maior proxección e caracterizado por posuír unha precisión e unha técnica impecable cun carácter e un estilo que fusionan xuventude, frescura e vitalidade.

Grazas ao patrocinio de Aguas de Mondariz, a entrada ao concerto é de balde, con invitación previa. Ao longo de esta semana e ata completarse o aforo, os interesados poden pasar a recoller a súa invitación no mostrador de entrada do Museo Centro Gaiás até un máximo de dúas por persoa.

O Día Internacional da Música foi unha iniciativa establecida polo Ministerio de Cultura de Francia en 1982, na etapa de Jack Lang á fronte. Desde entón son numerosas as institucións de todo o mundo que se suman a esta festa, que coincide co primeiro día de verán.